O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo tamén se deu cita en Fitur, a onde se achegou na última xornada profesional para facer balance do ano 2015 e volver recabar o apoio imprescindible do sector para enfrontar novos para este ano. Tres foron os grandes fitos que marcou para o 2016 e o que sector fai seus para traballar conxuntamente nestes obxectivos comúns: acoller un 25% máis de turistas internacionais, superar os cinco millóns de viaxeiros e a que o turismo exterior impulse o crecemento de Galicia con máis de 1.000 millóns de euros.
Durante a súa intervención, Feijóo congratulouse dos bos resultados acadados durante este ano, que superaron as expectativas iniciais e que veñen a demostrar que Galicia é un destino que atrae, convence e gusta. “A nosa comunidade deixa unha profunda pegada que fai que os turistas veñan e regresen “é algo máis que un destino de moda ao que os medios internacionais lle están dedicando ampla cobertura”, asegurou, ao tempo que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, lembraba o traballo levado adiante polo sector neste tempo, que ten sido vital para acadar estes resultados.
Cifras récord
Durante a súa intervención, Feijóo apuntou que cada vez son máis as persoas que optan pola nosa comunidade, “no pasado ano 2015 lideramos o crecemento turístico a nivel español” e salientou que se ten acadado un récord histórico tamén no que a turismo internacional se refire, con preto de 1,16 millóns de visitantes aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia. Alberto Núñez Feijóo, destacou, ademais, que Galicia se ten consolidado como destino turístico de calidade grazas a unha traballada estratexia de conxunta de promoción turística e a aposta decidida pola máxima calidade que está a facer o propio sector, co apoio do Clúster do Turismo de Galicia e a administración pública. Unha aposta que fixo que a nosa comunidade pasara de contar con 16 empresas certificadas coa Q de Calidade a ter 268 en doce anos, engadiu.
Ademais, o mandatario galego amosou a súa intención de seguir revisando e mellorando a nosa oferta turística para aspirar a que Galicia sexa como un segundo fogar para cada un dos nosos visitantes, que poden acceder a unha oferta turística diversificada entre a que destacou, entre outras, a ampla oferta termal ou o noso protagonismo en probas deportivas como La Vuelta de España.