Turismo de Galicia e Costa de Morte Asociación de Turismo asinan un acordo de colaboración para impulsar os recursos turíticos desta zona

Turismo de Galicia e Costa de Morte Asociación de Turismo asinan un acordo de colaboración para impulsar os recursos turíticos desta zona

No marco do Plan de Dinamización para a Costa da Morte, a Axencia de Turismo de Galicia ven de asinar un acordo de colaboración coa Asociación Costa da Morte Acción Turística (CMAT) para a posta en marcha de accións de posta en valor e preservación dos recursos da zona. Unha parte importante de este convenio irá destinada a accións de sensibilización entre os propios veciños da Costa da Morte para garantir a conservación dos recursos naturais, culturais e enogastronómicos tan ricos e con tanto potencial deste territorio.

A través do acordo asinado co presidente do CMAT, Eduardo Parga, Turismo de Galicia realizará unha achega de 80.000 euros integradas en catro liñas de actuación:

– Desenvolvemento da imaxe de marca da Costa da Morte Asociación Turística, levando a cabo unha actualización da imaxe e do logo corporativo, así como a creación dun portal web onde se recollerá a información turística do destino en tres idiomas -galego, castelán e inglés-.

– Desenvolvemento de Apps Móviles para as plataformas Ios, Android e Windows Phone, con soporte para tres idiomas con información, imaxes e vídeos da Costa da Morte e dos establecementos que conforman o destino.

– Creación das redes sociais Twitter e Facebook e mellora do posicionamento SEO e SEM en internet do destino Costa da Morte.

– Posta en marcha dun plan de comunicación do destino e das actividades que se realizan na Costa da Morte Asociación Turística e dun plan de marketing web para a difusión e estímulo da participación e a dinamización de informacións en medios de comunicación.

– Desenvolvemento dun plan de formación orientado a mellorar o sector turístico da Costa da Morte en materias de calidade, tanto no servizo ofertado coma na atención ao cliente; de innovación do tecido empresarial, a través de implantación de estratexias nas empresas turísticas; e de competitividade do destino.