O proxecto de recuperación das canteiras de lousa de Valdeorras fomentará o turismo industrial da localidade

O proxecto de recuperación das canteiras de lousa de Valdeorras fomentará o turismo industrial da localidade

  • A iniciativa xorde da colaboración entre o Clúster da Lousa e o Concello de Carballeda, coa colaboración da Consellería de Industria.
  • O plan de recuperación das canteiras dos arquitectos Carlos Quintáns e Zaida García é finalista nos premios da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU).

 

As antigas canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras converteranse nun novo reclamo no que a turismo industrial se refire. O proxecto “Lousa. Recuperación en zonas con procesos de extracción” é un traballo dos arquitectos Carlos Quintáns Eiras e Zaida García Requejo concibido para dinamizar o turismo mediante os activos paisaxísticos da lousa. A iniciativa xorde da colaboración entre o Clúster da Lousa e o Concello de Carballeda, co apoio da Consellería de Industria.

 

Este plan inclúe a revexetación das paredes das canteiras para recuperar o verdor da antiga montaña, e a reparación de seis edificios abandonados. Tamén se rehabilitará un pequeno pavillón para reconvertelo en miradoiro e gozar das mellores vistas do xacemento. O complexo tamén disporá de aseos, almacén, espazos de descanso e de lecer, e dun museo para coñecer a fondo os traballos vinculados á lousa.

 

Os artífices da iniciativa levan anos interesados na investigación sobre os procesos produtivos e a posible mellora das contornas xeográficas. Agora, o proxecto arquitectónico é un dos finalistas na categoría de investigación e difusión da convocatoria da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, impulsada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Dos 150 traballos presentados, só 25 serán xulgados o vindeiro mes de setembro na XVI edición da BEAU.