Reducir o impacto ambiental e fomentar a economía circular son os grandes obxectivos do acordo asinado entre o Clúster Turismo de Galicia e a start up ECO-ONE, que pon ao dispor dos hoteis galegos a súa plataforma de compravenda de mobiliario de segunda man. Desta forma, ofrécese aos establecementos de aloxamento que necesitan renovar o seu mobiliario unha solución práctica e ecolóxica, facilitando a compra e venda de pezas excedentes.
A firma deste acordo enmárcase na aposta do Clúster pola sostibilidade no sector turístico galego. A plataforma de ECO-ONE permitirá aos hoteis interesados reducir desperdicio, evitando que o material excedente acabe en vertedoiros ou almacéns. Ademais, esta opción non só xera ingresos adicionais para os hoteis, senón que tamén ofrece a outros establecementos a oportunidade de adquirir mobiliario de alta calidade a prezos competitivos, contribuíndo así á sostibilidade ambiental.
A plataforma de ECO-ONE está presente noutras comunidades e, desde o seu lanzamento, xestionou con éxito a venda de máis de 1.000 pezas de mobiliario. A plataforma atraeu a hoteis de todas as categorías, desde hoteis recoñecidos nacionalmente ata pequenos hoteis boutique e agroturismos do norte de España.
En Galicia, con preto de 1.000 establecementos hostaleiros rexistrados que contan con 58.417 prazas, a fórmula de ECO-ONE pode ser unha alternativa moi interesante para o sector, moi concienciado coas medidas que favorezan a sostibilidade.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal lembra que “a aposta pola sostibilidade é un elemento transversal das estratexias de turismo en Galicia desde fai xa moito tempo e que solucións como esta contribúen a consolidar un sector cada vez máis concienciado, non só con reducir o impacto ambiental, senón tamén con fomentar a economía circular, que beneficia directamente ás comunidades locais”.
Carlos Fluixá, CEO de ECO-ONE, comenta: “Estamos emocionados por levar a nosa plataforma a Galicia. Cun turismo caracterizado pola súa forte relación coa natureza, cremos que esta iniciativa permitirá aos hoteis galegos adoptar prácticas máis sostibles e avanzar cara a un modelo máis responsable. Desde ECO-ONE estamos comprometidos en apoiarlles neste camiño coa nosa ferramenta”.
Sobre o Clúster Turismo de Galicia (CTG)
O Clúster está integrado por 60 entidades, entre federacións, consorcios e asociacións provinciais e galegas que representan o 95% do sector turístico de Galicia, agrupando a máis de 7.000 empresas. Constituído no ano 2013, o CTG consolidouse como a voz de turismo na Comunidade e centra os seus esforzos en impulsar iniciativas para fortalecer o sector e o destino Galicia como un destino de referencia e diferenciado.
Sobre ECO-ONE
ECO-ONE é o departamento externo de sostibilidade dos hoteis a custo cero. A través de produtos -coa única Central de Compras 100% sostible- e servizos especializados, o seu equipo de enxeñeiros e expertos, ofrecen diagnóstico, análise e xestión de solucións en materia de eficiencia enerxética, economía circular, formación e interiorismo sostible. Un total de 2.000 hoteis en España e Francia xa están rexistrados na plataforma de ECO-ONE para implementar accións de sostibilidade.
Nace en 2021 da man do emprendedor Carlos Fluixá e a interiorista Zdenka Lara, comprometidos coa sostibilidade e con gran coñecemento o sector hostaleiro, co único obxectivo de axudar aos hoteis para ser máis sostibles da maneira máis rendible posible, baixo un único interlocutor e 360º.