A Mesa do Turismo de España vén de celebrar a súa Asemblea Xeral, un evento no que participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. O CTG forma parte desta entidade, que reúne a un cento de destacadas personalidades, empresas e profesionais do sector turístico español, desde o pasado febreiro de 2023. A Mesa estivo presidida por Juan Molas, e contou coa intervención de Rosana Morillo, secretaria de Estado de Turismo.
As conclusións desta cita foron varias. Por unha parte, a Mesa do Turismo prevé un primeiro trimestre de 2024 histórico, coincidindo en marzo a Semana Santa, durante a cal se espera un alto nivel de ocupación hoteleira. O presidente da entidade, Juan Molas, sinalou que as ventas tanto do turismo receptivo como do emisor “están funcionando en porcentaxes moi elocuentes”, especialmente nos destinos urbanos.
Por outra banda, tamén se presentou ‘O turismo que vén’, un estudo de conxuntura multisegmento elaborado pola Mesa de Turismo en colaboración con ObservaTUR, que destaca as fortalezas, retos e obxectivos para consolidar o liderado do sector.
Entre os factores que preocupan ao sector, Molas sinalou a situación xeopolítica internacional. Ademais, a seca tamén é un elemento preocupante nalgunhas zonas concretas (Cataluña, Sevilla, Málaga e parte de Córdoba), polo que a política hídrica será un dos temas fundamentais dentro da política turística. Finalmente, outro dos aspectos esenciais é a actualización do programa de turismo social do Imserso, adaptándoo á realidade actual e permitindo a súa desestacionalización, tendo en conta que engloba ata a catro millóns de turistas potenciais.