O Clúster Turismo de Galicia aposta en Fitur por dar visibilidade ás novas propostas de comercialización turística impulsadas polo sector

ACTIVIDADES

O Clúster Turismo de Galicia aposta en Fitur por dar visibilidade ás novas propostas de comercialización turística impulsadas polo sector

Unha edición máis manterá a xestión do espazo de traballo da caseta de Galicia no Salón Internacional de Turismo

Entre as novidades deste ano, o CTG achega a Madrid a súa iniciativa Presume de Galicia

O Clúster Turismo de Galicia participará, unha edición máis no Salón Internacional de Turismo, Fitur, que se desarolla do 17 ao 21 de xaneiro en Madrid e farao achegando algunha novidade con respecto ás súas participacións en pasadas edicións. Así, ademais da xestión do espazo de traballo da caseta de Galicia o Clúster gaña presenza en en a caseta de Galicia a través de dous espazos: un dedicado aos produtos e as iniciativas de comercialización que puxo en marcha ata a data, que ocuparán un corner da caseta de Galicia, onde se ofrecerá información sobre enoturismo, turismo activo, turismo familiar ou deportivo. O segundo espazo será dinámico. Trátase de achegar por vez primeira a Madrid a iniciativa Presume de Galicia, o que permitirá dar a coñecer máis esta gran comunidade de amantes de Galicia, ofrecendo información e dando a opción de facerse fotografías na caseta de Galicia presumindo de territorio.

“Fitur segue sendo unha das grandes citas do sector, a primeira do ano, e alégranos ver que o sector turístico galego está a gañar músculo nestes anos, mellorando cifras. Estes encontros sérvennos para facer balance do ano pero, sobre todo, son útiles para fixar os obxectivos nos que imos traballar en 2018. Sen ningunha dúbida, 2017 foi un gran ano para o sector turístico galego pero quédanos moito traballo por diante”, explica o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González,

Ademais destas dúas novidades, o Clúster Turismo de Galicia será tamén protagonista dunha das presentacións, que terá lugar o venres, 19 de xaneiro, a partir das 13h. Baixo o título “Novas iniciativas para a comercialización do turismo en Galicia”, o CTG achegará ao sector profesional que se dá cita en Madrid as propostas nas que está a traballar da man do sector e da administración pública para mellorar a oferta turística galega. A presentación, correrá a cargo do presidente do CTG, Francisco González, que estará acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Ademais desta presentación cabe destacar que o Clúster Turismo de Galicia mantén unha presenza moi activa na primeira cita profesional do ano a través da xestión do espazo de traballo co que, un ano máis, conta o sector galego para manter os seus encontros profesionais. A través da xestión de axenda e de 14 mesas de traballo, os profesionais do sector poderán desenvolver durante os días dedicados ao sector profesional as súas reunións e encontros B2B en franxas de 30 minutos, para facillitar que todo aquel que o necesite poida dispor dun espazo acondicionado para este fin.