Clúster promociona o sector turístico galego nas xornadas de comercialización no mercado asiático, organizadas por Turespaña

Clúster promociona o sector turístico galego nas xornadas de comercialización no mercado asiático, organizadas por Turespaña

  • As xornadas de comercialización do sector turístico español celebráronse do 11 ao 14 de marzo en Seúl e Toquio.
  • O Clúster mantivo un total de 30 reunións con operadores turísticos destes mercados.

O Clúster Turismo de Galicia vén de participar, acompañado pola empresa Galiwonders, nas xornadas directas de apoio á comercialización do turismo español nos mercados de Xapón, Corea do Sur e Taiwán, organizados en Seúl e Toquio do 11 ao 14 de marzo de 2024. Alí, o CTG mantivo un total de 30 reunións con operadores turísticos destes mercados, presentando os catálogos de axencias de viaxe maioristas de receptivo e turismo de luxo.

 

Entre os operadores atopábanse profesionais especializados en turismo premium, grupos, mocidade, incentivos e programas ad hoc. Algúns xa incluían na súa oferta o destino Galicia, especialmente o Camiño de Santiago, polo que amosaban interese en atopar outras opcións que lles ofrecía a nosa comunidade. Outros, vendían España e estaban interesados en incluír diferentes destinos na súa oferta.

 

 

Os mercados asiáticos

Ao comezo das xornadas, en cada un dos mercados, o Conselleiro de Turismo de España en Xapón, Corea e Taiwán, Jaime Alejandre, realizaba unha presentación de cada un dos mercados. Neste sentido, destacamos:

 

  • República de Corea (datos de 2023)

O mercado coreano achegou 433.876 turistas (un 140% máis que no 2022, pero un 30% menos que no 2019). España, de novo, volve a ser o país europeo máis visitado polos coreanos, con case o dobre de turistas que o segundo, Alemaña.

 

O gasto situouse nun 140% máis que no 2022. Ademais, a estancia media foi lixeiramente superior á pre pandemia (de 6,4 a 8 días). O gasto medio por persoa pasou de 2.300€ en 2019 a 2.900€ en 2023, cun gasto medio diario que pasa de 350€ a 370€.

 

  • Mercados de Xapón e Taiwán (datos actuais, ano completo 2023)

Este mercado achegou 310.000 turistas (un 150% máis que no 2022, pero 50% menos que no 2019).

 

O gasto situouse nun 100% máis que no 2022 (o dobre). A estancia media variou, chegando aos 6-7 días, uns datos similares á pre pandemia. Na pandemia (en 2021 e 2022), a estancia alongábase (ata os 13 días) debido á esixencia dunha serie de medidas para volver a entrar en Xapón (vacinación, corentena, etc.). Isto provocaba que só pagase a pena viaxar a destinos de longo radio se tiñan intención de pasar alí amplos períodos de tempo. O gasto medio por persoa tamén medrou, pasando de 2.000€ en 2019 a 2.700€ en 2023. O gasto medio diario pasou de 427€ a 490€.