O Clúster participará en BioCultura A Coruña 2025 impulsando o turismo sostible

O Clúster participará en BioCultura A Coruña 2025 impulsando o turismo sostible

  • Promocionará a marca turística ‘Galicia Destino Sostible’ e o seu club de produto.

 

Do 7 ao 9 de marzo, ExpoCoruña acollerá unha nova edición de BioCultura A Coruña, evento de referencia sobre consumo ecolóxico e turismo sostible. Neste contexto, o Clúster Turismo de Galicia estará presente cun espazo expositivo no que dará a coñecer as súas iniciativas para promover un turismo responsable e aliñado cos principios de sostibilidade.

 

Dentro da súa participación, o Clúster promocionará a marca turística ‘Galicia Destino Sostible’ e o seu club de produto, unha iniciativa clave para a promoción da comunidade como destino de calidade, responsable e diferenciado.

 

Ademais de ser un escaparate para o turismo sostible, BioCultura A Coruña 2025 reunirá a empresas, produtores e profesionais do sector ecolóxico nunha feira que aposta por un estilo de vida máis saudable e respectuoso co medio ambiente. A gastronomía ecolóxica, o turismo responsable e as iniciativas de desenvolvemento sostible serán algúns dos eixos desta edición, que contará con expositores, relatorios e actividades orientadas a concienciar sobre a importancia de minimizar o impacto ambiental en todos os ámbitos.

 

Neste sentido, a feira ofrecerá un programa de actividades paralelas onde se abordarán temas clave como a conservación da contorna ou a ecogastronomía. Tamén se poñerá en valor a riqueza dos espazos naturais de Galicia, destacando o seu potencial para un turismo que dá prioridade á autenticidade e á sostibilidade.

 

BioCultura A Coruña 2025 consolídase como un punto de encontro para profesionais e viaxeiros comprometidos cun turismo que respecta a contorna, fomenta a economía local e pon en valor o patrimonio natural e cultural galego.