Dez responsables de axencias de viaxe nacionais e internacionais coñecen a iniciativa ‘Galicia Destino Sostible’ nun fam trip organizado polo Clúster

Dez responsables de axencias de viaxe nacionais e internacionais coñecen a iniciativa ‘Galicia Destino Sostible’ nun fam trip organizado polo Clúster

  • Durante tres días os representantes das axencias de viaxe gozaron dalgunhas das experiencias de turismo sostible que ofrece a plataforma.
  • ‘Galicia Destino Sostible’ integra xa a 117 empresas que ofrecen 151 experiencias de turismo sostible.

Durante tres días, dez representantes de axencias de viaxes nacionais e internacionais participaron nunha viaxe de familiarización organizado polo Clúster Turismo de Galicia. O obxectivo foi presentarlles de primeira man a oferta de turismo sostible da marca turística ‘Galicia Destino Sostible’, unha iniciativa impulsada en colaboración coa Xunta de Galicia. A plataforma agrupa a 117 empresas que ofrecen 151 experiencias orientadas a un turismo respectuoso coa contorna e as comunidades locais.

 

Percorrido pola Coruña e Lugo

 

Na primeira xornada, os participantes adentráronse na tradición pesqueira de Fisterra, experimentando actividades como vivir o día a día dos percebeiros ou asistir a unha poxa na lonxa. Ademais, gozaron do Camiño dos Faros e das visitas Starlight, que promoven un turismo accesible e respectuoso co medio ambiente.

 

O segundo día, en Lugo, a viaxe continuou coa exploración do patrimonio eco-industrial, a gastronomía local e a paisaxe natural, elementos chave para quen busca experiencias auténticas e de calidade. Os representantes das axencias descubriron a riqueza etnográfica e as tradicións que forman parte da esencia de Galicia, reforzando a promoción dun turismo baseado nas singularidades do territorio.

 

Networking e colaboración

 

A última xornada centrouse nun workshop e taller de networking entre as axencias de viaxes e os axentes vinculados ao Clúster Turismo de Galicia e á marca turística ‘Galicia Destino Sostible’. Esta sesión permitiu ás empresas locais presentar os seus produtos e establecer colaboracións coas axencias participantes, fomentando a creación dun turismo sostible e conectado co territorio.

 

 

‘Galicia Destino Sostible’: turismo responsable para un futuro sostible

 

A iniciativa ‘Galicia Destino Sostible’ ten como obxectivo integrar ás comunidades locais, o seu patrimonio natural e cultural na oferta turística, promovendo a sustentabilidade e o respecto pola contorna. As empresas adheridas ao club implementan boas prácticas e ofrecen experiencias únicas que se poden consultar a través do portal galiciadestinosostible.com.

 

As opcións van desde rutas en bicicleta, barco ou a pé, ata paquetes que combinan gastronomía, enocultura, aloxamento e aventura. Tamén destacan as escapadas singulares como o astroturismo e a introdución a actividades como a náutica ou a escalada.

 

‘Galicia Destino Sostible’ conecta a viaxeiros comprometidos co desenvolvemento local, o bo uso dos recursos naturais e o apoio á cultura e tradicións galegas. A plataforma é un exemplo de coma o turismo pode evolucionar cara a un modelo máis respectuoso, asegurando un impacto positivo tanto para os visitantes como para as comunidades locais.