APEHL adianta unha previsión do 80% de ocupación media na provincia de Lugo para a ponte de Agosto

APEHL adianta unha previsión do 80% de ocupación media na provincia de Lugo para a ponte de Agosto

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo ( Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante o mes de xullo no que se alcanzou unha media dun 73,96 % de ocupación. Os datos confirman a liña ascendente de negocio neste período que, aínda que en anos anteriores xa ía en aumento, este ano logrou unha nova suba.

 

A Ribeira Sacra foi a zona da provincia con máis visitantes, onde os establecementos tiveron de media un 93,2 % de ocupación. A Mariña e Lugo Centro estiveron ao 85 %, a Terra  Cha chegou a unha media do 66,36% e a Montaña quedou no 40%. En canto á orixe dos visitantes, a maior parte proceden do mercado nacional, pois a maioría dos seus clientes son de diferentes partes de España aínda que chama a atención o número de visitantes asiáticos, pois “está a aparecer un novo perfil de turista internacional chegado dende Corea e China”

 

Ponte de Agosto

Desde a  Apehl adiantan xa a previsión para a próxima ponte de Agosto na que se conta chegar a unha media de ocupación do 79,52%. A Mariña podería alcanzar o 95%; Lugo Centro, o 86,4%; a Montaña, o 55 %; a Terra Chá, o 63%, e a Ribeira Sacra, o 98,2%.

 

O sector da hostalería noutras provincias apunta as súas previsións

 

Desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña, o seu presidente,  Héctor  Cañete, comenta que «a climatoloxía non axudou moito», polo que, a falta de contabilizar os últimos datos oficiais, prevén que os resultados de xullo queden lixeiramente por baixo dos logrados no 2018. Para agosto, mantén boas expectativas, xa que asegura que empeza a notarse certo “efecto Xacobeo”

 

No interior a situación do clima parece non variar as cifras. Así o aseguran o presidente da Federación de Hostalería de Ourense, Ovidio Fernández. “En xeral, xullo non foi o que se esperaba. Pero afortunadamente a nosa provincia segue mellorando as súas cifras, aínda que máis moderadamente”, apunta. «O mal tempo que non axuda a outras provincias benefícianos a nós. O que non pode ir á praia optar por visitarnos a nós ou achegarse a Santiago», remarca. Con todo, Fernández detalla que o que chega a terras ourensás é un «turismo itinerante», que realiza estancias dunha ou dúas noites maioritariamente.

 

Desde a Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra, o seu presidente César Sánchez comenta que Vigo e arredores marcaron datos «moi bos» de ocupación, ao compensarse as baixadas provocadas polo tempo irregular coa celebración do Mundial Junior de Balonmán e un importante número de traballadores da construción vinculados ás obras da estación de tren aloxados na cidade. Mentres tanto, en áreas como Pontevedra ou Sanxenxo, a ocupación mantívose estable. Con todo no Grove ou Baiona os resultados non deixaron boas impresións. «A media provincial posiblemente será positiva pero esconderá situacións moi distintas», indica Sánchez