O Clúster presentará en FITUR 2025 o Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento

O Clúster presentará en FITUR 2025 o Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento

  • A presentación, que terá lugar o 22 de xaneiro a partir das 12:30 horas no Pavillón 9 de IFEMA, poderá seguirse en directo vía streaming.
  • A presentación do Clúster é unha das case 50 que terán lugar na caseta de Galicia.

O sector turístico galego está preparado para promocionarse en FITUR 2025. A actividade comezará o día inaugural da feira, o vindeiro mércores, 22 de xaneiro, cos actos inaugurais ás 10:30 h, e ca presentación ‘Galicia, terra acolledora’ da Xunta de Galicia ás 11:45 h, cunha aposta por consolidar Galicia como destino acolledor, auténtico e con proxección internacional.

 

Tras isto, o Clúster Turismo de Galicia presentará o Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento (SIMADA) na exposición ‘Da información ao éxito: optimiza as túas decisións hostaleiras’. Esta ferramenta de análise permite comparar os datos de ocupación con respecto ao destino ou a empresas similares no destino, así como os prezos, a súa evolución, e diversos datos de interese para os aloxamentos. A presentación do Clúster poderá seguirse vía streaming. Proximamente, compartirase a ligazón da emisión a través das canles habituais (páxina principal da web do Clúster, redes sociais e correo electrónico).

 

En total, o espazo de Galicia en FITUR 2025 contará con de 47 presentacións, distribuídas ao longo das tres xornadas para profesionais da feira: 22, 23 e 24 de xaneiro. O programa completo pode consultarse a través da páxina de Turismo de Galicia. Este ano, o espazo galego recibirá aos visitantes co lema “Ya estás en Galicia!”, dándolles a benvida a unha comunidade onde a calidade, a biodiversidade e a sostibilidade serán os eixos dun percorrido polo patrimonio material e inmaterial galego.

 

Por outra banda, o espazo de negocios do espazo de Galicia en FITUR será xestionado, un ano máis, polo Clúster Turismo de Galicia. Os asociados dispoñerán de 17 mesas nas que poderán manter reunións con operadores turísticos. Desde ao Clúster habilitouse unha conta de correo electrónico (fitur@clusterturismogalicia.com) para a solicitude de reservas de data e hora para as mesas. Entre os datos para indicar: empresa, operador co que se vai realizar a reunión, e número de persoas que asistirán á reunión. Para cada encontro estableceuse unha franxa de 30 minutos de duración.