Oito establecementos asociados con propostas propias, 30 adegas que abren as súas portas gratuitamente ata o domingo na Ruta do Viño Rías Baixas, visitas teatralizadas e vincanas no caso da Ruta do Viño do Ribeiro, sen esquecer os buses do viño en ambos os itinerarios, son algunhas das propostas que ofrecen as dúas primeiras rutas do viño que celebran as Xornadas de Puertas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que continuarán o próximo fin de semana coas actividades propostas por parte de Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.
Desde a Ruta do Viño Rías Baixas móstranse moi satisfeitos coa boa resposta do público ás actividades especiais propostas para este fin de semana. “Os Buses do Viño levan semanas coas súas prazas xa completas e aínda recibimos chamadas solicitando información para a reserva. Tamén temos completo o aforamento para o espectáculo de ilusionismo do sábado pola tarde, que correrá a cargo de Cayetano Lledó”, explica a xerente da asociación sen ánimo de lucro, Lorena Varela.
No caso do Ribeiro, o día grande é o sábado 26 cando cinco viñobuses procedentes de Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago percorrerán as adegas participantes así como elementos destacados do patrimonio histórico deste territorio como son o Pazo de Antón Losada Dieguez en Boborás, o Mosteiro de San Clodio en Leiro e a Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño.
Ao longo deste tres días o público visitante poderá participar nas actividades que habitualmente se programan como visitar as adegas adheridas á Ruta do Viño do Ribeiro e degustar os seus viños; gozar de experiencias enogastronómicas cos menús especiais que ofrecen os nosos restaurantes ou descansar entre viñedos, xa que os aloxamentos participantes ofrecen prezos especiais nas súas estadías
A organización espera seguir incrementando o número de participantes nesta edición seguindo a liña ascendente que vén experimentando o evento desde que se celebra, en 2107 incrementouse nun 46% o número de participantes.