Algo máis da metade dos peregrinos que chegaron a Compostela o ano pasado foron estranxeiros, un 52,24%, e algo máis do 55% homes con idades comprendidas entre os 30 e os 60 anos. Así o amosa o informe elaborado pola Xunta de Galicia no marco do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, que permite coñecer o perfil do peregrino actual.
Así, o informe recolle que foron un total de 237.886 os peregrinos selaron a súa Compostela ao longo do pasado ano 2014, o que supuxo un incremento en relación ao ano anterior do 10,2% acadando un máximo histórico nun Ano non Xacobeo. O informe reflicte que o 68,10% dos peregrinos que chegaron a Compostela no pasado ano o fixeron pola vertente francesa do Camiño, a ruta xacobea máis transitada durante o pasado ano. Ao Camiño Francés seguíronlle, por ode de importancia, o Camiño Portugués, que acolleu o 10,92% do total dos peregrinos, e o Camiño do Norte co 6,34% pola súa parte.
En relación á procedencia, os peregrinos italianos lideraron a clasificación de peregrinos internacionais, ao achegar o 8,51% do total, superando a Alemaña que supuxo, neste caso, o 6,87%. En canto á procedencia nacional, Madrid segue sendo a Comunidade da que chegan máis peregrinos a Compostela. Finalmente o informe recolle tamén que continúan sendo maioritarios os peregrinos que realizan a Ruta Xacobea a pé xa que representan o 88,67%. No pasado ano escolleron a bicicleta para acadar a meta de Compostela o 10,64% dos peregrinos e o cabalo o 0,64%.