Desde este domingo e ata até o vindeiro 8 de xullo os Camiños do Norte xóganse en Bonn, Alemaña, a súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. A candidatura, que sería unha ampliación do Camiño de Santiago de Compostela, xa recoñecido, debartirase esta semana durante a celebración da 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, concretamente os días, 3, 4 e 5 de xullo, cando os gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e La Rioja, así como o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte do Goberno de España deberán defender a candidatura presentada. Esta non só propón o recoñecemento da catro rutas singulares: o Camiño da Costa, o Camiño Primitivo, o Lebaniego e o Vasco-Rioxano, senón que abarca a inclusión nominal dun total de dezaseis monumentos da máxima relevancia e valor cultural. No caso de Galicia, recoñécense singularmente catro: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
De conseguirse tal recoñecemento, o máximo que pode recibir un ben con carácter internacional, Galicia conseguiría ademais incrementar a súa nómida de bens declarados Patrimonio Mundial da Unesco. Actualmente xa son a Cidade vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.
Os Camiños do Norte presenta a súa candidatura xunto con outras 37 máis, que inclúen cinco sitios naturais, trinta e un culturais e un de carácter mixto. A reunión do Comité do Patrimonio Mundial en Bonn supón a derradeira etapa dun proceso que comezou hai sete anos e co que a Xunta de Galicia estivo comprometido desde o primeiro momento. En calquera caso, cómpre lembrar que non todas as candidaturas serán admitidas, de xeito que é preciso amosar a máxima cautela.
Longo camiño
O proceso perante a UNESCO comezou coa inclusión dos Camiños do Norte na Lista indicativa nacional no ano 2007. A partir de aquí as comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e La Rioja, así como o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, elaboraron conxuntamente a candidatura, que inclúe, entre outros aspectos, a redacción dun expediente exhaustivo, os procesos de delimitación e protección e o sometemento a diversos informes e supervisións tanto da propia UNESCO como do ICOMOS como principal órgano asesor técnico nesta materia, algúns con visitas in situ.
Todos estes procesos desembocaron en setembro de 2014,cando tivo lugar a misión de avaliación de dous técnicos do Consello Internacional de Monumentos e Sitios Histórico-Artísticos (ICOMOS), órgano asesor da UNESCO. Os técnicos, tras percorrer 1500 km. de rutas e coñecer, un a un, os 16 lugares vencellados ao Camiño de Santiago do Norte propostos para a súa inscrición na Lista do Patrimonio Mundial e solicitar información complementaria, solicitaron finalmente a inclusión na Lista do Patrimonio Mundial dos camiños do norte. Toca agora agardar unha boa nova.