A Mancomunidade do Salnés presentou na Feira Internacional de Turismo de Madrid a campaña ‘Conoce España, descobre Galicia. O Salnés’, unha iniciativa ideada co obxectivo de consolidar este destino turístico nos mercados internacionais. Na presentación contaron cona presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen afirmou que o Salnés é o destino ideal para descubrir a excelencia das praias e a da gastronomía deste rechuncho do noroeste peninsular.
O presidente da Mancomunidade, Gonzalo Durán, entre outras autoridades, tamén estivo presente no acto en FITUR, onde se lembrou que esta zona constitúe un dos principais destinos turísticos de Galicia, non só grazas á elevada concentración de praias de calidade, con localidades de veraneo como Sanxenxo e O Grove, e a súa exquisita gastronomía, senón pola súa ampla oferta de ocio, xa que xunto con conxuntos monumentais como a señorial vila de Cambados ou o mosteiro de Armenteira (Meis), se poden encontrar actividades deportivas, balnearios, ocio nocturno, e un sen fin de posibilidades.
Nava Castro destacou que o Salnés aposta pola calidade e pola internacionalización dos recursos e produtos turísticos. “Así, a náutica, o termalismo, o patrimonio, a enogastronomía ou o turismo de costa sitúan o destino nas primeiras posicións dos atractivos turísticos da comunidade”, afirmou.
Así mesmo, a directora de Turismo da comunidade galega sinalou que este destino único permite disfutar en Galicia dunha oferta ‘multiexperiencial’. “Así, o desfrute dunha xornada nun talasso pode combinarse co descubrimento dun novo viño acompañado do delicioso marisco das Rías Baixas ou a estadía puede incluír tamén un paseo en bicicleta polos circuítos BTT ou unha saída ao mar ou ben unha xornada de turismo cultural na que percorrer o valioso patrimonio artístico desta zona”, expuxo.