Núñez Feijóo presenta os avances e a folla de ruta de implantación da Axenda Dixital 2020 ao sector turístico galego

Núñez Feijóo presenta os avances e a folla de ruta de implantación da Axenda Dixital 2020 ao sector turístico galego

O obxectivo é transformar o turismo convencional en intelixente a través da modernización das infraestructuras e a implementación das TIC no sector

O sector turístico galego foi o primeiro dos sectores económicos estratéxicos en Galicia ao que se lle presentaron os avances na Axenda Dixital 2020, no marco da celebración da Semana Dixital de Galicia que acolle estes días a Cidade da Cultura do Gaiás, en Santiago. Nesta primeira xornada o acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Co galo de seguir traballando na transformación do turismo tradicional en turismo intelixente, Núñez Feijóo loubo o bo traballo que está a facer o sector turístico galego na súa modernización e implementación da TIC e lembrou que a adminitración público está ao servicio do sector para facilitar as ferramentas que este precise para seguir mellorando as súa cifras. Neste sentido, Feijóo garantiu o esforzo da Xunta para conseguir unha integración real das TIC neste sector para facilitar a súa modernización, a prestación de servizos avanzados e a optimización de recursos. O presidente do Clúster do Turismo de Galicia, pola súa banda, avanzou na necesidade de traballar pola mellora da rentabilidade do sector e chamou a atención sobre a necesidade de seguir mellorando as infraestruturas dixitais coas que conta Galicia que Núñez Feijóo estimou nun 98% de cobertura dixital en Galicia, aínda que recoñeceu que sigue sendo mellorable en canto a calidade e potencia de sinal.

Neste camiño de mellora e implantación das novas tecnoloxías vai o plan SmartTurismo, dotado cun orzamento de 10 millóns de euros para investir nun prazo de cinco anos, “cino anos anos para desenvolver iniciativas tecnolóxicas e innovadoras que nos axuden a impulsar Galicia como destino único, mellorar a experiencia do viaxeiro e atraer novos visitantes e fidelizar aqueles que xa coñecen a comunidade”, asegurou o presidente.

Liñas estratéxicas

Previamente os técnicos de Turismo de Galicia adiantaron as principais liñas de traballo nas que se está a traballar para acadar estes obxectivos: modernización das infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia e mellora da comunicación entre administración pública e sector privado; aproveitamento das tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomento da innovación no sector; e potenciación dos Camiños de Santiago a través da liña de traballo SmartCamiño.

Para acadar estes obxectivos, anunciouse que a comezos de outubro estará dispoñible para o sector a Plataforma Tecnolóxica do sector (EXTRANET), unha ferramenta única de acceso a todos os servizos que proverá Smarturismo. Unha canle dixital para o sector, que estará integrada coa sede electrónica da Xunta, para facilitarlle a xestión online da súa información administrativa e promocional e na que cada establecemento turístico poderá actualizar a súa información de forma automatizada para que así conste en todas as plataformas coas que conta Turismo de Galicia.

Así mesmo, Turismo de Galicia dotarase dun novo portal, que estará listo a finais deste ano e que permitirá a difusión da oferta turística e a localización de contidos e servizos polo turista, adaptado aos dispositivos móbiles e que reforzará a comunicación e acomercialización do produto turístico galego, que estará en mans da iniciativa privada. E, no último trimestre do ano tamén arrancará o primeiro fito dunha liña específica para potenciar os Camiños de Santiago, SmartCamiño, á que xa se adheriron máis de 700 empresas situadas na Ruta Xacobea.

Sobre este punto, Feijóo destacou a publicación dun portal do Camiño xunto cunha aplicación móbil para que os peregrinos poidan recibir información en tempo real a medida que avanzan cara Compostela –desde servizos turísticos e comerciais de cada lugar por onde pasan, a cambios meteorolóxicos, información de albergues, eventos…-; “e, antes de que remate o ano, dotarase de conexión Wifi, nunha primeira fase, a 46 dos albergues públicos do Camiño”, anunciou.