Co dobre obxectivo de conseguir un maior coñecemento e recoñecemento do sector turístico galego e do Clúster Turismo de Galicia, lanzamos esta iniciativa de branding baixo o slogan “Somos o que facemos. Facemos turismo de calidade”. Con iso buscamos reforzar a comunicación co sector turístico galego así como o sentimento de pertenza a un colectivo.
A campaña, orientada aos profesionais do sector turístico galego, busca conseguir un maior recoñecemento de Galicia como destino turístico á vez que quere impulsar a nosa autoestima como sector forte e moderno. De aí a elección de profesionais reais que coa súa imaxe reflicten o exemplo do servizo de calidade e da excelencia que ofrece o sector turístico galego.
Marta Varela, consultora de viaxes; Fran Martís, xefe de sala de restaurante; Elena Sueiro, gobernanta nun hotel; Lourdes Caramés, fisioterapeuta nun centro termal ou María Otero, responsable de enoturismo son a cara visible deste territorio para aqueles que nos visitan, e a excelencia dos nosos servizos ha de ser o valor que debemos transmitir.
Entre todos facemos posible un turismo de calidade, aberto e sustentable, cunha oferta rica e diversa na que os profesionais somos os mellores embaixadores da nosa marca.
Finalmente, a campaña ten como segundo obxectivo dar a coñecer mellor o propio Clúster de Turismo de Galicia e as súas iniciativas. E é que formar parte do Clúster é contribuír ao progreso do sector turístico galego, motor fundamental no desenvolvemento económico e social da nosa terra.








