Galicia open future impulsa no Gaiás tres proxectos de innovación turística

Galicia open future impulsa no Gaiás tres proxectos de innovación turística

Este centro de emprendemento impulsado pola Xunta e Telefónica reúne 50 proxectos de emprendedores entre os que se atopan Bluscus, Ubiplay Mobile e Creappcuentos

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, Galicia Open Future, recibiu a visita das directoras de Turismo e de Desenvolvemento Pesqueiro, Nava Castro e Susan Rodríguez, que puideron coñecer de primeira man esta iniciativa de crowdworking, impulsada pola Xunta de Galicia e Telefónica, que aglutinou nesta primeira edición máis de 150 emprendedores pertencentes a 50 proxectos diferentes na primeira edición do programa ‘Galicia Open Future’.

Este centro de emprendemento aglutina proxectos on base tecnolóxica de todos os sectores da economía galega. A maioría dos proxectos proceden de Vigo e A Coruña, seguidas de Santiago de Compostela, e presentan diferentes grados de maduración: idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento. Destes cincuenta proxectos tres deles pertencen ao sector turístico, converténdose ‘Galicia Open Future’ no primeiro programa de startups en Galicia que alberga proxectos turísticos.

Durante a visita, Nava Castro e Susana Rodríguez puideron afondar nestes tres proxectos, Bluscus, Ubiplay Mobile e Creappcuentos, nun encontro cos promotores destas iniciativas de innovación turística.

Tres proxectos turísticos de emprendemento

Bluscus é unha startup de dous mozos emprendedores galegos. O seu obxectivo é ser referente do turismo mariñeiro a nivel mundial, a través da comercialización na súa web de experiencias arredor do marisco, dende a extracción ata o seu desfrute.

Pola súa parte, Ubiplay Mobile desenvolveu unha aplicación multi-plataforma para vivir aventuras en calquera momento e lugar, a través dos smartphones. Esta aplicación permite realizar campañas de mercadotecnia xeolocalizadas, rutas e xogos colaborativos.

Por último, Creappcuentos é un editor de contos deseñado para infantil e primaria que permite xerar os teus propios contidos, engadindo a túa propia voz e/ou texto, para aprender xogando. A aplicación consegue, así, reforzar aprendizaxes e educar en valores, sincronizándose coa demanda da sociedade actual no uso das tecnoloxías da información e a comunicación, así como nas novas tecnoloxías da aprendizaxe e a educación