O Consello das Comunidades Galegas explicita o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

O Consello das Comunidades Galegas explicita o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, o órgano no que delega, por votación, a súa representación o Consello das Comunidades Galegas, celebrou en Nogueira de Ramuín o seu X Pleno no que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez-Feijoo, que agradeceu o traballo da comunidade na diáspora como embaixadores de Galicia e animounos a seguir traballando por “unha terra orgullosa de ser o que é, e que se fai escoitar nun século complexo”.

Na súa xuntanza, a comisión elaborou un escrito no que explicitaban o apoio das comunidades galegas no exterior á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, algo que o titular da Xunta tamén agradeceu, lembrando as grandes leccións que Galicia aprendeu grazas á diáspora. “Grazas a vós, contamos cunha experiencia que a maioría dos pobos non teñen. A emigración transmitiunos unha sabedoría impagable para lograr que Galicia estea presente na globalización. Grazas a vós, o galego do século XXI é alguén capaz de incorporar diferentes identidades e, polo tanto, capaz de entender outras culturas e ser entendido por elas”, incidiu.

Durante o decurso desta, na xornada, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, informou sobre o estado das liñas de actuación do seu departamento neste ano 2015, no que se teñen rexistrado importantes adiantos cronolóxicos na convocatoria e resolución das ordes de axuda e subvencións. E procedeuse, ademais, a expoñer o estado procedemental do Decreto polo que se aproba o regulamento e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, segundo dos decretos que desenvolve a nova Lei de galeguidade.

O Consello das Comunidades Galegas é o órgano formado por máis dun centenar de centros e casas de Galicia recoñecidas oficialmente en todo o mundo.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn