A Xunta de Galicia presenta o balance da actividade do sector hoteleiro na última década

Dinamismo del sector hotelero en Galicia 2009-2019

A Xunta de Galicia presenta o balance da actividade do sector hoteleiro na última década

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron este luns o  informe “Dinamismo do sector hoteleiro en Galicia 2009-2019” basado en datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) e do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT).

Del se desprende que o número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década, pasando dos 839 establecementos rexistrados no 2009 aos máis de 900 que existen na actualidade. En canto ao total de prazas hoteleiras, a nosa Comunidade conta xa con preto de 55.000, unhas 2.800 máis que hai dez anos.

Román Rodríguez explicou que o incremento no número de establecementos se rexistrou na meirande parte das categorías de aloxamento, acadando especialmente unha maior evolución nos hoteis de catro estrelas, que medraron máis dun 30%, algo que reflicte “a crecente profesionalización do sector e a súa aposta pola excelencia”.

En canto á demanda hoteleira (hoteis + pensións) o número de turistas aloxados neste tipo de establecementos aumentou un 23% ao longo deste tempo. Ademais, a cifra de pernoitas que realizaron estivo preto dos 8,5 millóns, o que supón unha suba do 13,7%.

No caso da demanda nas diferentes tipoloxías de aloxamento, o informe ofrece datos do 2018, indicando que o 69% rexistrouse en hoteis. É dicir, de cada 10 noites que os turistas realizan en establecementos galegos, 7 son en hoteis.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta sinalou que estes datos reflicten o “peso específico” do sector hoteleiro na nosa economía, así como a súa capacidade para adaptarse “aos cambios dos últimos anos” grazas a súa aposta permanente pola mellora da calidade e da competitividade.

 

Reparto xeográfico

As catro provincias teñen hoxe máis hoteis que hai dez anos, especialmente A Coruña e Lugo, cun incremento do 13,3% e do 10,4%, respectivamente; seguidas de Ourense e Pontevedra, cun alza do 9,4% e do 3,8%.

A provincia pontevedresa encabeza a clasificación tanto no número de prazas como no de establecementos, con 25.780 repartidas en 407 negocios. En segundo lugar atópase A Coruña, con 18.357 en 280 hoteis. Pola súa banda, Lugo conta con 6.285 prazas repartidas en 127 establecementos e Ourense con 4.538 nun total de 93 hoteis.

O estudo presentado recolle tamén a pegada do sector en toda a xeografía galega. Así pois, preto o 59% dos concellos contan con algún hotel dentro do seu territorio, mentres que se falamos de establecementos hoteleiros en xeral (hoteis + pensións) a cifra sitúase por enriba do 80%. “Isto amosa a gran implantación do sector en toda Galicia, con presenza no rural e ámbito no urbano, nas zonas de costa e no interior”, remarcou.

Estas cifras, como concretou Román Rodríguez, permiten avanzar “en dúas das liñas estratéxicas da Xunta en materia turística”, como son a descentralización da oferta e a desestacionalización do turismo, “favorecendo que cheguen turistas en calquera época do ano para gozar dos distintos valores de cada territorio”.

No que respecta á oferta por concellos, Sanxenxo é o que acumula un maior número de prazas hoteleiras seguido de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Por outra banda, o indicador que mide as prazas hoteleiras por cada 100 habitantes amosa que o municipio cunha maior oferta en relación á súa poboación é Mondariz-Balneario, debido “ao pulo do turismo termal”.

Máis ingresos e máis competitividade

No primeiro semestre de 2019, os ingresos ascenderon a 118 millóns de euros, o que supón un incremento do 10,2% respecto ao mesmo período de 2018. De manterse esta tendencia, remataría o ano superando o volume de negocio do ano pasado, cando rozou os 300 millóns de euros de ingreso, un 38% máis que hai un lustro. “Temos un sector máis rendible e competitivo, capaz de xerar máis emprego de calidade durante todo o ano e en toda Galicia”, destacou o conselleiro.

 

Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos

Na rolda de prensa celebrada no Hotel Oca Puerta del Camino, ambos dirixentes anunciaron, así mesmo, a resolución da convocatoria de axudas por valor de 1,2  millóns de euros a 70 establecementos para acometer melloras de modernización, accesibilidade ou aforro enerxético no marco do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, ao que o Goberno autonómico está a destinar máis de 5 millóns de euros en dous anos.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn