Turismo de Galicia asume temporalmente a xestión do Monte do Gozo e anuncia un plan de recuperación

Turismo de Galicia asume temporalmente a xestión do Monte do Gozo e anuncia un plan de recuperación

Porase en marcha un Plan de Usos para a mellora a accesibilidade e un Plan da Paisaxe para a posta en valor das vistas, roza e mellora da vexetación existente

Turismo de Galicia ven de anunciar a redacción dun Plan de Uso e un Plan de Paisaxe para o complexo co Monte do Gozo, que vai asumir tamén pero de xeito temporal a xestión do albergue e a posta a punto do entorno vexetal. O Complexo do Monte do Gozo actualmente conta con 800 prazas de albergue, 67.000 m2 de zona de acampada, auditorio cunha capacidade de 30.000 persoas e o Centro Europeo Pastoral Xuvenil “Juan Pablo II”, que completa o complexo con 1.222 m2.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que “se farán unha serie de propostas integradoras que dean sentido a todo o ámbito e que materialicen a alma, a historia e o futuro do Monte do Gozo” e apuntou que os obxectivos do Plan de Usos son a mellora da accesibilidade e mobilidade do complexo, a ordenación urbanística de ámbitos non desenvolvidos, a ordenación da paisaxe e da urbanización e espazos públicos e a mellora das dotacións públicas. Pola súa parte, o Plan da Paisaxe abarca diferentes zonas do complexo e incidirá principalmente nos accesos, na posta en valor das vistas, na mellora das condicións de urbanización e da vexetación existente e no tratamentos de borde.

O obxectivo do proxecto non é pois, a construción dun parque ou unha zona verde ou nun proxecto de rehabilitación dos edificios e espazos, senón que o proxecto abrangue unha dimensión máis notoria ao procurar construír un lugar que albergue a esencia dos camiños e da peregrinación para darlle a Santiago un novo espazo para que tanto peregrinos como turistas e os propios veciños poidan gozalo, tratando de que o Monte do Gozo se convirta nun verdadeiro parque periurbano para a cidade de Santiago e contorna que poida acoller unha serie de usos como a realización de actividades deportivas ao aire libre, a adecuación de lugares para que os mais cativos poidan xogar ou as actividades ligadas á saúde como a meditación ou o yoga entre outras moitas.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn