Terras de Pontevedra contará cunha plataforma de venda en liña de viaxes e estancias combinadas

TURISMO_convenio_Terras_pontevedra_31_05_2016 (2)

Terras de Pontevedra contará cunha plataforma de venda en liña de viaxes e estancias combinadas

Turismo de Galicia e a Mancomunidade asinaron un convenio para investir máis de 100.000 euros na promoción deste territorio

Co turismo arqueolóxico como atractivo principal da zona, Turismo de Galicia e a Mancomunidade Terras de Pontevedra han asinando un acordo de colaboración para a promoción turística conxunta deste territorio pola que o departamento da Xunta achegará 60.000 euros e a mancomunidade o resto do importe até alcanzar un investimento de 102.915 euros que se destinarán a diferentes actuacións de promoción de destino.

O convenio, que se desenvolverá durante o 2016, afectará os concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Pontecaldelas, Vilaboa, Cotobade, Barro e Campo Lameiro. As accións a desenvolver teñen como obxectivo a dinamización e o fomento do turismo nesta zona mediante a mellora do acceso aos recursos turísticos, a potenciación de novos produtos e a mellora da comercialización do destino para conseguir chegar a novos segmentos de mercado como o turismo familiar.

Entre as actuacións previstas no convenio destaca o desenvolvemento dunha app móbil de realidade aumentada e unha audioguía para os recuros de arte rupestre cos que conta a zona. A maiores, realizaranse presentacións para prensa especializada e axentes de viaxe sobre arte rupestre, que tamén será obxecto dun blog trip e dunha reportaxe audiovisual. Así mesmo, crearase material promocional adaptado ás novas tecnoloxías.

Ademais, porase en marcha unha plataforma de venda en liña de viaxes e estancias combinadas para mellorar a comercialización e xestionar de forma integrada todos os servizos existentes, pondo a disposición do turista a oferta global do destino. Esta nova ferramenta permitirá chegar os máis clientes e concentrar nun único punto a oferta e a demanda, administrándoas de forma áxil e en tempo real.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn