Sorteos de estancias de turismo rural e viaxes ás Illas Atlánticas para fomentar a oferta complementaria na segunda edición de Turismo Rural, Agora Tamén

ACTIVIDADES
turismo rural campaña 17 ES FINAL

Sorteos de estancias de turismo rural e viaxes ás Illas Atlánticas para fomentar a oferta complementaria na segunda edición de Turismo Rural, Agora Tamén

A campaña, que convida os visitantes a seguir descubrindo a oferta turística galega, desenvolverase os meses de agosto, setembro e outubro

Co obxectivo de mellorar a comercialización da oferta complementaria turística de Galicia, este mes de agosto ponse en marcha a segunda edición da campaña “Turismo Rural Agora Tamén”, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) e a Naviera Nabia co apoio do Clúster Turismo de Galicia coa que se persegue dar a coñecer mellor o Destino Galicia e a súa oferta de turismo rural e de actividades complementarias.

Creada no marco do concurso anual de ideas que o Clúster Turismo de Galicia pon en marcha entre os seus asociados, a campaña busca seguir xerando sinerxías entre as diferentes empresas do sector co obxectivo final de mellorar a capacidade de paquetización e comercialización do turismo galego. Outro dos seus obxectivos é a incorporación das novas tecnoloxías neste proceso de comercialización, a través neste caso da potenciación da web GaliciaTurismoRural.es como xanela de promoción e comercialización do turismo rural galego.

Segundo explicou o presidente de FEGATUR, Cesáreo Pardal, a campaña desenvolverase entre o 1 de agosto e o 27 de outubro, para “captar o interese do turismo nacional e internacional que visita durante o verán o noso territorio, ben como usuarios da naviera ou ben como clientes de turismo rural. Entre todos eles, e apoiado por unha campaña en internet e redes sociais, celebrarase unha serie de promocións semanais entre as que se sortearán estancias de turismo rural e billetes de barco que poderán gozar en tempada baixa, fomentando a desestacionalización”.

Continuidade da campaña
“Moitas das nosas casas están en zonas de interior e pensamos que a combinación turismo rural-naviera que viaxa ata o Parque Nacional dás Illas Atlánticas pode resultar moi atractivo para paquete turístico conxunto”, explicou o presidente de Fegatur, Cesáreo Pardal, quen destacou que “con esta campaña pretendemos dar continuidade á iniciativa que comezamos o ano pasado con bos resultados, ofrecendo información da oferta complementaria aos miles de turistas que visitan cada verán o noso territorio”, explicou. De feito a campaña ampliouse en duración respecto da do ano pasado, que se desenvolveu exclusivamente durante o mes de setembro.

Coa continuidade desta campaña iniciada o ano pasado, Fegatur, Naviera Nabia e o Clúster Turismo de Galicia buscan continuar a promoción turística do Destino Galicia e continuar impulsado a colaboración e xeración de sinerxías entre os asociados da mesma cadea de valor.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn