Sete novos seminarios de teleformación co CSHG

formación on line Xunta de Galicia

Sete novos seminarios de teleformación co CSHG

A oferta formativa da Consellería de Cultura e Turismo complétase con cursos de inglés

Durante o mes de maio continúan os cursos de formación en liña ofrecidos pola Xunta a profesionais do sector turístico galego a través do CSHG. En total están previstas sete novas sesións gratuítas que inclúen unha mesa de debate e seis webinars. Todos os interesados poderán inscribirse e obter información sobre os mesmos a través da web de Turismo de Galicia.

A primeira cita teñen lugar o xoves 7 de maio cunha mesa de debate centrada na introdución a Axenda de 2030, así como a súa implementación nas empresas turísticas.

O martes 12 de maio será a quenda de Beatriz Estévez, profesora de Lexislación no CSHG e compliance officer que profundará nas claves da profesión de compliance, orientada a asegurar que as empresas cumpren a normativa, e en como se pode implementar nas empresas turísticas. Esta sesión, que se celebrará ás 11,00 horas, ten un aforamento máximo de 150 persoas.

O 14 de maio terá lugar webinar centrado no funcionamento, viabilidade e comercialización de produtos turísticos en distintas plataformas e o día 19 os profesionais poderán participar noutra sesión sobre estratexias de preparación hostaleira e hostalaría para a reapertura, impartido por Jesús Rodríguez Maseda, director de Xestión de Activos Hostaleiros en Horwath HTL. Trátase dunha actividade que ten como obxectivo dar as ferramentas necesarias para realizar unha eficiente configuración da apertura despois da crise sanitaria e na que poderán participar un máximo de 200 persoas. A cita empezará ás 11,00 horas.

A oferta formativa complétase con outro tres sesións. Dous delas centradas no deseño da estratexia de posicionamento orgánico en buscadores que se celebrarán o 26 e o 28 de maio e outra sobre estratexias de negocio en redes sociais, o próximo 9 de xuño.

A oferta de cursos dispoñibles amplíase con novas iniciativas en idiomas. Concretamente, ofreceranse un total de 100 prazas en catro cursos de inglés para o turismo que se desenvolverán online en colaboración co Centro Británico. Trátase dun curso de inglés de atención telefónica en negocios turísticos, outro de redacción nunha contorna profesional, outro de atención ao público en negocios turísticos e, finalmente, outro de turismo internacional. Son cursos con temáticas específicas entre os niveis B1 e B2.

Cada unha destas accións formativas terá 25 prazas e ofrecerán 26 horas de certificación, incluíndo videotitorías en pequeno grupo. O prazo de inscrición xa está aberto e o acceso será por orde de inscrición previa verificación dos requisitos e proba de nivel.

Ademais, a Consellería de Cultura e Turismo ofrece tamén 100 prazas para exame de certificación GESE 5-9 Trinity College, certificación oficial de niveis B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia Lingüística. Inclúe o exame, así como clases online de orientación sobre o desenvolvemento da proba. Está previsto que os exames teñan lugar no CSHG o próximo outono e as persoas aspirantes deberán abonar 25 euros en materia de dereitos de exame, xa que a Consellería de Cultura e Turismo asumirá o 70% dos custos deste exame. A admisión será por orde de inscrición previa verificación dos requisitos previa á formalización da matrícula na web do Trinity College.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn