Ribeira Sacra contará con 200.000 euros de finananciación pública para a súa promoción como destino turístico de interior

ribeirasacra1

Ribeira Sacra contará con 200.000 euros de finananciación pública para a súa promoción como destino turístico de interior

Grazas a un acordo asinado entre Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, 21 concellos beneficiaranse do investimento até 2017

Co obxectivo de seguir traballando na consolidación da Ribeira Sacra como referente do destino turístico galego de interior, Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra asinaron un convenio que se materializará nun investimento de 200.000 euros nos 21 concellos da zona: A Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada; e as entidades locais ourensás da Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo.

Novos produtos turísticos
O convenio, cuxa vixencia se estende até 2017, permitirá traballar na mellora dos soportes de información, incrementar as accións de promoción e aumentar a oferta turística da Ribeira Sacra. Deste xeito, deseñaranse novos materiais informativos e planos turísticos da Ribeira Sacra e incrementarase a oferta dispoñible pondo en marcha novos produtos como as “Rutas do Románico”, consistentes en visitas organizadas a mosteiros, igrexas e capelas, posibilitando o acceso do visitante ás mesmas e co valor engadido das explicacións especializadas dun guía oficial.

Ademais, levará a cabo a “Party Ribeira Sacra”, un xogo dirixido a sensibilizar escolares sobre a rexión; a actividade “Pasaporte ás nubes”, unha acción de fidelización de viaxeiros co sorteo de viaxes en globo aerostático para contemplar as paisaxes da Ribeira Sacra; e a programación da “Caída da Folla”, consistente en actividades como talleres de fotografía ou recorridos paisaxísticos pola zona durante o outono, época do ano na cal a Ribeira Sacra presenta gran beleza pola policromía da súa vexetación.

O convenio tamén porá en valor o enoturismo e a viticultura na rexión continuando con iniciativas como a do Viñobús. Así mesmo, para recuperar espazos públicos degradados, incrementaranse os murais exteriores de arte urbana. Tamén se estudará a organización dun festival de sendeirismo.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn