Recoñecemento oficial para o Camiño de Inverno e o Camiño Portugués pola Costa como rutas do Camiño de Santiago

280416turismo2

Recoñecemento oficial para o Camiño de Inverno e o Camiño Portugués pola Costa como rutas do Camiño de Santiago

A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, recentemente aprobada polo Parlamento de Galicia, recoñece oficialmente o Camiño de Inverno e o Camiño Portugués pola Costa como rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, unha inclusión que fai realidade así a reivindicación de moitos colectivos relacionados con ambas as rutas xacobeas e tras os estudos realizados nos últimos anos para acreditar os devanditos camiños. Así mesmo, a nova lei inclúe a incoacción da declaración de BIC dunha Ruta Xacobea se os concellos polos que esta discorre solicítano por unanimidade, o que constitúe un paso máis na garantía da súa protección e conservación.
Por outra banda, a normativa permitirá establecer un plan territorial integrado dos Camiños de Santiago co obxectivo de avanzar pola senda dunha protección efectiva do Camiño de Santiago. O ámbito deste plan estenderase á totalidade dos territorios históricos delimitados.

Maior coordinación na Mesa do Camiño Portugués

A Xunta, Deputación de Pontevedra, Asociación de Amigos do Camiño e os doce municipios que integran a Mesa do Camiño Portugués mantiveron un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na que acordaron incorporar a esta mesa de traballo aos concellos polos que trascurre a nova variante pola costa, recoñecida oficialmente na nova Lei de Patrimonio Cultural.

O encontro serviu, ademais, para establecer a necesidade de establecer un marco de regulación interna para mellorar o funcionamento da mesa e facela máis eficaz, a tenor do progresivo incremento de peregrinos que experimentou esta ruta nos últimos anos. Un regulamento que Turismo de Galicia e Deputación de Pontevedra comprometéronse a establecer no menor tempo posible para posteriormente sometelo a consulta do resto dos axentes implicados na Mesa.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn