Proxecto de revitalización da Rede de Sendeiros Azuis

senderos azules

Proxecto de revitalización da Rede de Sendeiros Azuis

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha un proxecto para o impulso da Rede de Sendeiros Azuis, que integra os carreiros que enlazan praias e portos con Bandeira Azul en nove municipios da provincia (Cangas, Bueu, Vigo, A Illa de Arousa, A Guarda, Nigrán, Baiona, Sanxenxo e Portonovo). Para iso a institución provincial dotou ao proxecto de 60.000 euros destinados a desenvolver un primeiro paquete de actuacións concretas de sinalización, mobiliario, mantemento e promoción.

Este é só o punto de partida, xa que a Deputación Provincial pretende concorrer de forma conxunta cos municipios adheridos a esta Rede para a captación de fondos europeos que permitan desenvolver a medio e longo prazo este proxecto. Segundo anunciou a Deputación, os Carreiros Azuis desempeñan unha función social importante, ao constituír excelentes lugares para o goce da natura?leza e, tamén, como elementos vertebradores para o desenvolvemento, saúde e benestar do conxunto da sociedade.

Actualmente, Galicia conta con 16 carreiros azuis, e oito deles están na provincia de Pontevedra (Ponte Caldelas está a tramitar a súa candidatura para optar a esta distinción en 2016). Son, en concreto, o Roteiro de Donón en Cangas do Morrazo, a Senda de ribeira e litoral Camiño á Beiramar de Vigo, a Ruta de Sendeirismo Cabo Udra en Bueu, a Senda Perimetral Bao-Xastelas na Illa de Arousa, a Senda Litoral da Guarda, o Carreiro Litoral Ecosistema Dunar Praia América?Panxón en Nigrán, o Carreiro Litoral de Baiona e o Carreiro Litoral Sanxenxo – Portonovo, que se sumou a esta Rede en 2015.

Xunto a estas rutas, no resto de Galicia existen outro oito Carreiros Azuis, catro na provincia da Coruña e catro na de Lugo. Os coruñeses son o Bordo litoral Ría de Ortigueira, o Carreiro da Praia da Laracha, a Senda Litoral de Arteixo e o Carreiro Litoral de Boiro; mentres que os lucenses son o Carreiro Azul Ruta do Litoral Burelense, o Carreiro Azul Praia Abrela – Punta Socastro do Vicedo, a Ruta do Faro de Illa Pancha ás Aceas en Ribadeo e o Paseo Ruta das Praias de Foz.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn