Os Ancares-Courel reciben o distintivo Observer de Turismo Científico

montañas ancares

Os Ancares-Courel reciben o distintivo Observer de Turismo Científico

En Galicia, só o Parque das Illas Atlánticas posuía este distintivo até agora.

O espazo Os Ancares e O Courel xa son Espazo Observer Turismo Científico, tras superar a primeira fase de auditoría e obter a acreditación que establece este selo, que aúna investigación, ciencia e turismo. O proxecto, emprendido por iniciativa da Deputación de Lugo en agosto de 2018 cunha achega de 70.000 euros, continúa agora coa posta en marcha dunha segunda fase con accións concretas sobre o terreo destinadas a promocionar turísticamente o territorio como reserva científica, para crear un turismo de calidade avalado pola certificación Observer. En Galicia, só o Parque das Illas Atlánticas posuía este distintivo até agora.

O territorio que se converte en Espazo Observer abarca os concellos de Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. En total, máis de 100 mil hectáreas entre Os Ancares e O Courel na que será a maior zona de estudo científico de Galicia, un modelo co que se busca crear conexións sustentables entre o turismo, a conservación da biodiversidade e a ciencia en espazos protexidos á vez que se busca xerar desenvolvemento económico nestes territorios.

“A zona dos Ancares e O Courel xa conta con outros selos de protección, como son a Reserva da Biosfera, no primeiro caso, e a Rede Natura 2000, en ambas as demarcacións. O Courel tamén opta este ano ao recoñecemento de Xeoparque Mundial da Unesco, polo que queda claramente de manifesto o interese pola protección dos valores naturais desta zona”, destacou o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, que tamén avanzou a necesidade de traballar neste proxecto a longo prazo e con continuidade.

Segunda fase

Neste sentido avanzou as accións que se implementarán no territorio nos próximos meses entre as que destacou a creación dunha denominación común en paralelo coa creación dun órgano de coordinación cun xestor ou responsable do mesmo. “A partir de aí desenvolveranse distintas liñas de traballo que será o que marque o inicio da estratexia de Turismo Científico para as Montañas de Ancares e O Courel”, explicou. Ademais impulsarase o uso de recursos naturais e culturais cos que facer divulgación científica; a creación dun grupo de traballo no que a Deputación contará coa participación da USC, os Concellos integrados na zona e outros axentes craves do territorio que teñan competencias en materia de divulgación ou xestión dos recursos naturais. A segunda fase tamén contempla a creación dunha páxina web, o deseño dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo, así como cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico e a creación dunha APP. Ademais, desenvolverase unha programación anual de turismo científico, un seminario para empresas do sector sobre o mesmo e un seminario de formación para guías e informadores turísticos.

Sistema de certificación
O sistema de certificación Observer creouse coa finalidade de fomentar e mellorar a calidade das accións relacionadas co Turismo Científico sustentable e de calidade garantindo a sustentabilidade e a participación, ademais de facilitar o acceso a todos os sectores da poboación, mesmo aqueles con necesidades especiais ou de grupos minoritarios. Permitirá unificar ciencia, divulgación científica e turismo nun só distintivo para as montañas dos Ancares e O Courel.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn