Nova edición dos Premios Galicia Parabéns, que distinguen iniciativas de embelecemento paisaxístico

premios galicia parabens

Nova edición dos Premios Galicia Parabéns, que distinguen iniciativas de embelecemento paisaxístico

Concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e os consorcios locais galegos que cumpran os requisitos poden presentar a súa candidatura á terceira edición dos Premios Galicia Parabéns, convocados por Turismo de Galicia para recoñecer actuacións municipais que destaquen por conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago. Cun investimento global de 800.000 euros para 2019 e 2020, a Xunta de Galicia premia así as actuacións destinadas a mellorar as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma.
Os premios están distribuídos en dúas categorías: a primeira distingue os proxectos ou actuacións realizadas no últimos dez anos para conseguir unha mellora da paisaxe cunha integración idónea de elementos arquitectónicos ou con mellora estética dos núcleos poboacionais, entre outras. Tamén se inclúen nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindeiros das rutas dos Camiños de Santiago. A segunda categoría premia os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindes da Ruta Xacobea. Outorgarase un premio de 400.000 euros en cada unha das categorías. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, onde os interesados en concorrer a estes premios poden consultar tamén as bases da convocatoria e a documentación precisa a presentar.
Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn