Nova edición de Cantos na Maré, esta vez baixo o paraugas da marca Fest Galicia

Cantos na Maré

Nova edición de Cantos na Maré, esta vez baixo o paraugas da marca Fest Galicia

Pontevedra volverá acoller, do 13 ao 15 de setembro, unha nova edición de Cantos na Maré, o festival internacional de lusofonía que este ano volve apostar pola exploración da lingua galega como liña de conexión entre Galicia e a lusofonía, á vez que impulsa tamén a gastronomía, a narración oral e a danza, e suma escenarios no Museo de Pontevedra, no Teatro Principal e na Praza da Canteira.

Con esta edición Cantos na Maré chega ao seu 15º aniversario e faio co dobre apoio da Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais de música pero tamén a través da Consellería de Cultura e Turismo ao incorporarse á marca Fest Galicia, mediante a que se está promovendo o territorio galego como destino musical con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social. Cantos na Maré convértese así, xunto co Caudal Fest de Lugo, nunha das novas incorporacións da segunda tempada de FEST Galicia, na que se integran 12 festivais do catro provincias.

Coa incorporación a Fest Galicia, Cantos na Maré incorporará tamén entre os seus obxectivos a promoción do uso da lingua galega, a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente – fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas- e concienciación e loita contra actitudes e/ou agresións machistas a través da campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual da Secretaría Xeral da Igualdade, na que se difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cosas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, á vez que se instalarán tótems coas mensaxes da campaña á vez que se lle dá un claro impulso á incorporación dun maior número de mulleres ao programa do festival, entre as que se contarán a caboverdiana Mayra Andrade ou a proposta colectiva Enredadas con Uxía, Martirio, Carmen París e Ugía Pedreira.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn