Máis de 300 participantes confirmados para o congreso nacional de OPC Spain

32 congreso opc spain

Máis de 300 participantes confirmados para o congreso nacional de OPC Spain

A cita permitirá dar a coñecer o potencial de Galicia para acoller grandes eventos

O sector de eventos español reúnese esta semana en Compostela no 32 Congreso de OPC España que acolle Santiago de Compostela entre os días 20 e 22 de febreiro no que se dan cita as principais empresas nacionais do sector de congreso. Previamente, na mañá do mesmo día 20, A Coruña recibirá aos participantes no Foro MICE, a cita anual que reúne a asociacións de empresas relacionadas con de esta actividade económica. O congreso contará cunha mostra máis que representativa do sector MICE nacional.
Acudirán a Compostela a presidenta de OPC España, Matilde Almandoz, e os responsables de 15 organizacións de OPCs autonómicas. Tamén estarán presentes os presidentes das principais asociacións profesionais do sector tanto en España como en Europa.

Máis de 300 profesionais do sector mice inscribíronse xa no congreso, no que participan relatores como Mario Alonso Puig, médico e comunicador motivacional, experto en motivación, creatividade, comunicación, traballo en equipo e liderado, Adrián Ott, ex-presidente de ACForum: a única plataforma de redes de Europa establecida exclusivamente para e por asociacións con persoal asalariado e organización interna de congresos, Carmen Centol, presidenta da Asociación Nacional de Empresas de Azafatas (ADEAZA), así como CEOs e responsables de empresas de primeiro nivel na organización de congresos, eventos e incentivos ou tamén responsables de promoción de destinos ou de entidades vinculadas ao sector MICE de Portugal, Navarra, Valencia ou Barcelona, entre outros.

Sustentabilidade e medio ambiente

A sustentabilidade, a seguridade, a tecnoloxía e o respecto ao medio ambiente serán temas transversais no programa do 32 Congreso Nacional de OPC España, que será pioneiro na medición da pegada de carbono de eventos. Para facelo teranse en conta non só as emisións xeradas na propia sede, senón tamén os desprazamentos de relatores e congresistas ou os gastos de combustible requiridos polas tarefas de montaxe, que se farán con materiais sustentables. A organización do Congreso, que corre a cargo de OPC Galicia e OPC España, quere que esta convocatoria sirva de exemplo para próximas citas, dado que a sustentabilidade é un dos retos máis importantes do sector MICE no futuro inmediato.

A cita servirá para que as entidades que o organizan, OPC España e OPC Galicia, mostren a potencialidade da comunidade galega á hora de recibir grandes eventos. Con cidades de tamaño manexable, infraestruturas de última xeración e comunicacións fluídas co resto da Península, Galicia destaca como destino polo seu enorme patrimonio cultural e paisaxístico, a súa gastronomía excelente e a súa capacidade para inspirar.

Para comprobalo, os asistentes ao congreso poderán gozar, máis aló das intervencións de relatoras de primeiro nivel, dunha cea especial na Cidade da Cultura, elaborada con produtos galegos certificados e con denominación de orixe, grazas á colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Ademais, poderán coñecer mellor os atractivos da Coruña (no caso dos asistentes ao Foro MICE) e Santiago a través de visitas guiadas aos seus centros históricos; dunha festa no Mercado de Abastos compostelán; ou de iniciativas post-congreso como un percorrido polo Camiño de Santiago.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn