Os cruceiros, unha oportunidade para o turismo en Galicia

crucero a coruña

Os cruceiros, unha oportunidade para o turismo en Galicia

O turismo de cruceiros está en alza. E para mostra uns datos: segundo a Asociación Internacional de Liñas de Cruceiros (CLIA) en 2017 este sector superará os 25 millóns de pasaxeiros que poderán viaxar en 26 novos barcos oceánicos e fluviais que se poderán en marcha ao longo deste ano. Ademais, se nos referimos aos cruceristas españois, esta mesma entidade explica que en 2015, 466.000 españois elixiron un cruceiro para gozar das súas vacacións, o que representou un crecemento de preto do 3% con respecto ao ano anterior. Deles, o 71% repetiu experiencia, e nada menos que o 58% fixo un cruceiro tres ou máis ocasións. Se nos atemos ás cifras nos portos galegos, o ano pasado chegaron un total de 195 cruceiros, un máis que en 2015 cun total de 301.815 pasaxeiros (-18% respecto de 2015), moi lonxe aínda dos grandes portos españois, que cerrraron exercicio rozando os 6 millóns de cruceristas.

Os mellores resultados en número de cruceiros foi para o porto da Coruña pero Vigo seguiu marcando mellor resultado en número de cruceristas. Con todo, de cumprirse as previsións da Autoridade Portuaria da Coruña, que xa teñen pechadas 121 escalas que traerán á cidade a máis de 170.000 cruceristas, este 2017 será o primeiro ano no que a dársena coruñesa supere en pasaxeiros á de Vigo.

Con todo, máis aló da puxanza dun ou outro porto, determinada polas circunstancias especiais de cada un (distancia, calado, loxística, acordos con navieras, etc.) o máis importante é superar a estacionalidade e traballar coordinadamente para gañar mercado, convertendo a Galicia nun hub das rutas de cruceiros, igual que o sería para o tráfico aéreo. O principal competidor, igual que ocorre cos aeroportos, volve ser O Porto, concretamente a terminal de pasaxeiros de Leixões. Mellorar as instalacións portuarias e loitar contra a estacionalidade deste mercado abrindo novas rutas son dúas dos grandes retos deste mercado xa que a maioría dos cruceiros que chegan a Galicia fano entre maio e setembro, é dicir, no cambio de estación de rutas e Galicia queda fóra das rutas de verán e inverno. Por todo iso Galicia ha de seguir afianzando a súa posición neste puxante sector de negocio, traballando para incrementar o número total, independentemente do porto de destino. Non hai que esquecer que un crucerista deixa de media na cidade entre 50 e 80 euros que repercuten tanto no comercio como na restauración.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn