Os albergues privados reclaman máis apoio das administracións para afrontar a crise xerada pola pandemia

camino de santiago

Os albergues privados reclaman máis apoio das administracións para afrontar a crise xerada pola pandemia

Agalber, a asociación que reúne a 90 dos 300 albergues privados que existen no noso territorio, fai fincapé na súa dependencia do turismo estranxeiro, o que lles deixa en situación de precariedade

A rede de albergues privados asociada a Agalber pon de manifesto o seu peso específico como parte do sector turístico galego para reivindicar maiores apoios e un plan específico para este tipo de establecementos turísticos, profundamente afectados pola crise do coronavirus, ao depender na súa práctica totalidade do Camiño de Santiago e da mobilidade nacional e especialmente estranxeira. “Os albergues privados son os establecementos con máis dificultades do sector turístico para saír desta crise, e para conseguilo pedimos que se tomen medidas efectivas e con dotación económica canto antes”, explican desde esta asociación.

O colectivo, que dá traballo directamente a máis de 1200 persoas, gran parte delas en zonas rurais. ofrece máis de 13000 prazas, o 75% das dispoñibles en todos os camiños, e en 2019 facturou máis de 22 millóns de euros, xerando miles de empregos indirectos en empresas de servizos e provedores en toda Galicia.

Ante a situación provocada pola crise da COVID 19 e a paralización na afluencia dos peregrinos, que representan máis do 90% dos seus clientes – 65% deles son estranxeiros- a situación dos albergues converteuse en moi complicada, ao tratarse de establecementos pensados para compartir todos os seus espazos. “Esta característica que nos define nesta crise é tamén o gran problema dos nosos establecementos. Entendemos que as medidas de distanciamento social son imprescindibles para evitar o colapso da sanidade e salvar moitas vidas, e por suposto os albergues que vaian abrir están dispostos a tomar todas as medidas de prevención e desinfección que sexan necesarias, para garantir a seguridade dos nosos traballadores e dos peregrinos e turistas que aloxemos”, explican nun comunicado, “pero esta adaptación terá uns custos que moi poucos poderán asumir. Cun prezo por cama moi reducido, uns aforamentos máximos inferiores ao 50%, e unhas previsións de chegada de peregrinos moi baixas, a viabilidade económica dos albergues para os próximos meses será moito máis difícil que de calquera outro establecemento de aloxamento”.

O comunicado de Agalber incide tamén en que moitos dos propietarios e hospitaleros destes albergues son colectivos de risco fronte á pandemia polo que non abrirán nos próximos meses e poderíase dar o caso de que se chegasen a perder moitas camas de face ao Xacobeo 2021. Por todo iso desde Agalber demandan á Xunta:

  1. Creación dun distintivo avalado pola consellería de Turismo, similar o Clean and Safe de Portugal, que sexa gratuíto e que distinga aos establecementos que implementen os plans de continxencia e as recomendacións publicadas no manual de Albergues, para axudalos a transmitir a imaxe de seguridade que agora é imprescindible. Os pequenos establecementos
    neste momento non poden permitirse os altos custes que teñen os selos promovidos polas empresas certificadoras.
  2. Prestación por cesamento de actividade mentres non exista unha vacina ou tratamento para o SARS-Cov-2 para os propietarios daqueles establecementos que o soliciten por ser persoas de alto risco .
  3. Novas liñas de financiamento do IGAPE avaladas pola Xunta sen intermediación de sociedades de garantía mutua.
  4. Plan de actuación no caso de que exista un positivo nalgún establecemento, con axudas económicas para a desinfección do establecemento e para o propietario durante o tempo que deba permanecer en corentena e tamén para os traballadores.
  5. Subvencións a fondo perdido para adaptación ás novas normativas de hixiene e prevención de riscos ante a Covid-19, para a elaboración dos plans de continxencia co asesoramento de profesionais, e para a contratación de servizos e compra de equipos de higienización e desinfección específica para Covid-19.
  6. Axudas para dixitalizar os sistemas de check-in nos albergues, que eviten o contacto cos documentos dos viaxeiros, e fágase de maneira áxil sen colas e aglomeracións na recepción dos establecementos. Tamén para a creación dunha App especializada para os albergues persoais que permita os peregrinos e outros clientes reservar con antelación e evitar a concentración da chegada en horas punta entre outras funcións.
  7. Cursos interactivos de formación en limpeza, desinfección e prevención de contagios por Covid-19, formación profesional en linguas estranxeiras para hostalaría, de mercadotecnia e promoción online, de uso das redes sociais de empresa, de uso de ferramentas informáticas de xestión de hostalaría, de calidade e excelencia no servizo o cliente, etc.
  8. Campañas de promoción con posta en valor da calidade e o valor engadido que achegan os albergues á experiencia do Camiño. Apoio económico os albergues para ter unha representación acorde a súa importancia nas feiras de turismo, especialmente nas dedicadas ao Camiño.
Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn