Os 61 concellos de Pontevedra protagonizarán a campaña de promoción turística da Deputación no 2019, centrada nas festas de interese turístico

Mesa Provincial de Turismo

Os 61 concellos de Pontevedra protagonizarán a campaña de promoción turística da Deputación no 2019, centrada nas festas de interese turístico

Fitur volverá marcar o comezo da promoción turística para 2019, tamén para a Deputación de Pontevedra, que traballa xa nos eixos ao redor dos que virará a promoción turística o próximo ano. “Queremos facer unha promoción na que os 61 concellos da provincia sexan os protagonistas”, adiantou a súa presidenta, Carmela Silva, “particularmente queremos que o eixo vertebrador sexan as festas de interese turístico nacional e internacional, que falan da nosa historia, da nosa cultura, da nosa paisaxe, das nosas tradicións, da nosa gastronomía e, por tanto, abordan un turismo centrado en multiexperiencias”, destacou a presidenta que fixo fincapé durante a súa intervención o gran avance que experimentou o Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Pontevedra que, segundo anunciou, ten xa iniciado o 93% das súas actuacións dentro do cinco liñas de traballo expostas no documento que teñen que ver coa optimización, eficiencia e coordinación da xestión e gobernanza, coa estructuración da oferta orientada á demanda e a creación de produtos específicos, coa excelencia no destino e no sector a través de plans de competitividade e de profesionalización, co plan de promoción e co apoio á comercialización do destino provincia de Pontevedra.

Traballo coordinado co sector
A presidenta da Deputación fixo este anuncio tras a celebración da Mesa Provincial de Turismo, na que tamén se abordaron cuestións relativas ao SICTED, o Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos que está a implantar a Deputación de Pontevedra e que conta xa con 224 empresas distinguidas, unha aposta que sumou un importante incremento durante o ano 2017. Neste sentido a Deputación manifestou o seu interese en conseguir que a maior parte destas empresas opten en 2019 a lograr a Q de Calidade. Para iso, o Cluster de Turismo de Galicia expuxo un traballo conxunto entre o sector privado e as administracións que facilitei o salto cualitativo que contribúa a unha diferenciación da marca Pontevedra pola súa excelencia turística.

Participación de Turismo de Galicia
A Mesa Provincial do Turismo da Deputación de Pontevedra serviu, ademais, para que o Goberno galego, a través da directora de Turismo de Galicia, puidese compartir cos membros do sector e das administracións participantes o seu compromiso permanente con esta provincia e tamén para escoitar e pór sobre a mesa as demandas e necesidades dos profesionais e administracións participantes. A importancia de establecer sinerxías en materia de calidade, a importancia turística do Big Data e a oportunidade de desestacionalización aproveitando a potencialidade como destino vitivinícola, foron algún dos asuntos que centraron o encontro.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn