A Xunta e sector turístico acordan unha batería de 500 accións de formación, información e asesoramento en materia higienico-sanitaria

ACTIVIDADES
17,00 h.-      O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, reunirase cos representantes do sector turístico no marco do programa Galicia destino seguro.
foto xoán crespo
22/05/2020

A Xunta e sector turístico acordan unha batería de 500 accións de formación, información e asesoramento en materia higienico-sanitaria

O acordo alcanzando no marco do denominado “pacto por un destino seguro” inclúe 50.000 prazas de formación voluntaria e un teléfono para resolver dúbidas a empresas e profesionais

Ofrecerase un servizo de asesoramento en liña a cargo dun equipo que resolverá as dúbidas formuladas polos profesionais do sector

A Xunta elaborou ademais unha serie de manuais para os distintos axentes do sector coas principais recomendacións e medidas de seguridade hixiénico-sanitaria.

O Goberno galego, a través do CSHG, e as asociacións sectoriais de cada provincia ofrecerán 500 accións formativas centradas na seguridade sanitaria dentro do que o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, cualificou como un “pacto por un destino seguro” no que traballarán conxuntamente o goberno galego e o sector turístico no seu conxunto. O acordo asinado entre a Xunta, o Clúster Turismo de Galicia e as asociacións sectoriais e profesionais de cada provincia, inclúe unha batería de accións para mellorar a información, asesoramento e formación das empresas e profesionais turísticos galegos en materia de seguridade sanitaria, así como apoio económico para adecuarse á situación sobrevinda polo coronavirus.

Neste contexto, e dentro do plan de reactivación que comezou a desenvolver o goberno galego co obxectivo de garantir que Galicia sexa un destino seguro, acordouse a posta en marcha dun plan de formación voluntario impartido polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) e as entidades sectoriais e provinciais. A iniciativa botará a andar a próxima semana e contará cunha oferta inicial de 50.000 prazas en 500 accións formativas de carácter xeral adaptadas ás especificidades de cada subsector e de cada área xeográfica.

Román Rodríguez subliñou que se trata dunha oferta inicial, que se ampliará no caso de que sexa necesario co obxectivo de chegar ao maior número de profesionais e establecementos. Avanzou ademais que os participantes poderán obter un certificado opcional que acredite o coñecemento de medidas de seguridade sanitaria. Esta proposta sumar ao servizo de teleformación impartido desde o comezo da crise sanitaria por parte do CSHG para mellorar a capacitación das empresas e profesionais turísticas en aspectos como os idiomas, a mercadotecnia ou ferramentas dixitais.

Manuais para os axentes do sector
Para profundar nos obxectivos do Pacto por un destino seguro, a Xunta, a través do CSHG, o Sergas e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en colaboración con representantes do sector e entidades como o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e especialistas como o profesor e catedrático de Medicamento Preventivo e Saúde Pública da USC, Juan Gestal, elaboraron 11 manuais para os distintos axentes do sector coas principais recomendacións e medidas de seguridade hixiénico-sanitaria.

Trátase dunhas publicacións que condensan os requisitos obrigatorios establecidos polo Ministerio de Sanidade, as recomendacións elaboradas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e outros consellos adaptados aos establecementos galegos, tendo en conta as súas particularidades para facilitar a súa consulta por parte dos distintos axentes. En concreto, disporase de manuais adaptados aos restaurantes, hoteis, aloxamentos rurais, albergues, cámpings, balnearios, axencias de viaxes, turismo activo, campos de golf, guías de turismo e oficinas de turismo. Poderanse actualizar en función da evolución do estado de alarma e as diferentes instrucións derivadas do mando único.

Resolución de dúbidas
Ademais, outro dos alicerces deste pacto é a creación dun teléfono gratuíto de atención aos establecementos turísticos que permitirá ofrecer asesoramento personalizado sobre recomendacións e medidas de seguridade sanitaria. Este servizo correrá a cargo dun equipo que resolverá as dúbidas formuladas polos profesionais do sector. Nestes momentos está a ultimarse a posta en marcha deste teléfono, que botará a andar nos próximos días, dando debida conta aos axentes do sector.

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que todas estas iniciativas enmárcanse no programa Galicia, destino seguro, que conta cunha dotación global de 5 millóns de euros e que recolle ademais entre as súas medidas apoio económico aos profesionais e establecementos do sector para a adopción de medidas de seguridade hixiénico-sanitarias.

Neste sentido, Román Rodríguez destacou que para o Goberno galego é unha “prioridade fundamental” que estas accións cheguen ao maior número posible de establecementos galegos, motivo polo cal o Goberno contribuirá á adquisición do material necesario.

Entidades colaboradoras
Todas estas medidas desenvolveranse en colaboración cos seguintes colectivos e asociacións profesionais e sectoriais: o Clúster Turismo de Galicia, a Unión Hostaleira Coruñesa, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo, a Federación de Hostalaría de Ourense, a Asociación de Empresarios de Hostalaría en Pontevedra, o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, a Asociación Provincial de Empresarios da Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela, a Federación Galega de Turismo Rural, a Asociación Galega de Albergues Privados, a Asociación Galega de Cámpings, a Asociación de Balnearios de Galicia, a Asociación Galega de Axencias de Viaxes, a Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, a Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e a Asociación Galicia Destino Golf.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn