A Xunta lanza unha nova liña de axudas de 500.000 euros para impulsar o turismo de congresos

scb-spain-convention-bureau-MICE-sedes-reuniones-2

A Xunta lanza unha nova liña de axudas de 500.000 euros para impulsar o turismo de congresos

No marco do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, a Xunta acaba de aprobar unha nova liña de subvencións dirixida as entidades organizadoras de congresos, seminarios ou convencións orientada a fomentar este tipo de eventos na Comunidade aproveitando o carácter multicultural da celebración. Poderán solicitala universidades, organismos públicos de investigación, colexios profesionais, entidades sen ánimo de lucro ou empresas persoais que promovan especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións ou incentivos.

As actividades obxecto de subvención deberán desenvolverse entre o 1 de setembro de 2019 e o 30 de setembro do 2020. O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a posta en marcha deste tipo de eventos, centrados na reflexión e o intercambio de ideas, contribuíndo á desestacionalización e a internacionalización da oferta turística galega coa vista posta no Xacobeo 21.

Na concesión da subvención teranse en conta criterios como o tipo de congreso, evento ou reunión, o seu ámbito xeográfico, o número de asistentes e o mes de celebración, así como as actividades complementarias propostas, entre outros. As entidades beneficiarias poderán conseguir entre 25.000 euros e 2.500, segundo os puntos conseguidos. Ademais, Turismo de Galicia facilitará material promocional ás entidades organizadoras beneficiarias até esgotamento de existencias. O prazo para a presentación de solicitudes está aberto até o próximo 16 de outubro.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn