A Xunta destinará 3 millóns de euros en axudas ás entidades locais para melloras nas infraestruturas turísticas do rural

RECURSOS
16299706_10158162393600437_2650640470300313431_o

A Xunta destinará 3 millóns de euros en axudas ás entidades locais para melloras nas infraestruturas turísticas do rural

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de abrir a convocatoria de subvencións para 2019 destinada a axudar ás entidades locais a mellorar as súas infraestruturas turísticas para o que destinará un total de tres millóns de euros, un 20% máis que a partida inicial que se destinara o ano pasado para o mesmo fin.
Como se publica hoxe no Diario de Galicia (DOG) poderán optar en réxime de concorrencia competitiva tanto os concellos, mancomunidades e consorcios locais con competencias en materia de turismo, como as agrupacións de concellos aos que se lles axudará a recuperar e mellorar a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural.

Deste xeito, subvencionaranse as actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, incluíndo a recuperación e tratamento paisaxístico, a iluminación ornamental, a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rotas ou outros elementos de interese turístico. Tamén se axudará na adecuación de espazos para estacionamento de vehículos coa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.
As axudas de Cultura e Turismo tamén sufragarán actuacións de embelecemento dos Bens de Interese Cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado que pode consistir en accións como o embelecemento de vías ou soterramento dos contedores de residuos e eliminación do cableado aéreo e antenas de comunicacións, entre outras. Tamén se subvencionarán actuacións de posta en valor turístico dos recursos incluíndo a recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.
Do mesmo xeito se inclúen actuacións de mellora da accesibilidade, coa eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turística. Esta liña de axudas comprende igualmente a sinalización nas condicións que se indican nas bases publicadas.
Un total de 164 entidades locais beneficiáronse o ano pasado desta liña de subvencións que contribúen á diversificación da oferta turística galega, de xeito que todos os galegos e galegas poidan experimentar os beneficios económicos, sociais e culturais que a actividade turística pode supoñer, especialmente no rural. O prazo para presentar solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn