A Xunta destina 6 millóns para a instalación de medidas de protección para traballadores e clientes no sector turístico

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 29/05/20.

A Xunta destina 6 millóns para a instalación de medidas de protección para traballadores e clientes no sector turístico

A medida enmárcase no conxunto dos 16 millóns de euros aprobados no último consello da Xunta para o apoio de autónomos e pemes do comercio, os servizos, o turismo e o transporte

O último consello da Xunta aprobou unha nova liña de axudas dotada con 16 millóns de euros para apoiar a autónomos e pemes do comercio, o turismo, servizos e transporte e impulsar a instalación de medidas de protección para traballadores e consumidores. As axudas, que se asignarán por concorrencia non competitiva, inclúen a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados.

Os apoios destinaranse a cubrir os gastos realizados para a adquisición de medios de protección e hixiene para o persoal e clientes do establecemento, así como medidas de reforzo de limpeza e desinfección dos locais; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

Axudas directas e contías anticipadas
No caso dos establecementos de hostalaría e restauración, axencias de viaxes e outros locais turísticos, a liña de axudas cubrirán o 100% de investimento, até 1.200 euros desde un mínimo de 300 euros. Irán destinadas a establecementos de menos de 10 traballadores e menos de 300 metros cadrados. Tamén contarán con apoios do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores desde un mínimo de 1500 euros até un máximo de 3750 para as instalacións de medidas de seguridade.

Inxección económica a 9.000 familias
O presidente galego tamén destacou que a Xunta, de acordo cos sindicatos CCOO, UXT e a Confederación de Empresarios de Galicia, destinará 8 millóns de euros para complementar a 9.000 familias a percepción das súas prestacións no caso de estar a percibir os ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción de menor contía económica mensual -aos que se destinarán 6 millóns de euros- e para complementar a indemnización de maiores de 55 anos que perderon o seu traballo a consecuencia da pandemia -aos que se destinarán 2 millóns de euros-. “Estes 8 Millóns de euros forman parte dos acordos do diálogo social que pechamos coas organizacións sindicais”, destacou.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn