A Xunta abre unha nova orde de subvencións de máis de 1 millón de euros para impulsar o turismo nos geodestinos galegos

finca goleta turismo rural

A Xunta abre unha nova orde de subvencións de máis de 1 millón de euros para impulsar o turismo nos geodestinos galegos

Os beneficiarios poderán acceder até a 150.000 euros para crear ou consolidar produtos turísticos, profundar na formación do sector, mellorar a implantación das tecnoloxías, avanzar na súa internacionalización ou aumentar a súa promoción

Xa está aberta a nova convocatoria de subvencións para impulsar a actividade turística nos geodestinos galegos. Dotada con máis de 1 millón de euros, o obxectivo da nova axuda impulsada pola Xunta de Galicia é que todo o territorio galego poida beneficiarse deste impulso da actividade turística, como antesala do Xacobeo 2021. Con esta convocatoria modifícase tamén a relación de subvencións cos geodestinos que até agora obtiñan fondos a través da firma de convenios coa Xunta.

A nova orde de axudas está dirixida a mancomunidades, consorcios locais con competencias en materia de turismo, agrupacións de concellos, Grupos de Desenvolvemento Rural (GdR) ou asociacións legalmente constituídas que contratasen persoal técnico en turismo dedicado ao seguimento e coordinación das actuacións obxecto desta orde.

Os beneficiarios poderán conseguir axudas máximas nas diferentes categorías de entre 30.000 e 150.000 euros para a dinamización turística dos seus territorios a través de actuacións que profunden na planificación, creación e consolidación de produtos turísticos no geodestino; a comercialización, promoción e difusión do produto turístico, formación dirixida ao sector turístico ou novas tecnoloxías aplicadas ao turismo. As accións deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020.

Impulso ao rural galego
A convocatoria realizarase en réxime de concorrencia competitiva. A Xunta poderá sufragar entre o 50% e o 90% do investimento subvencionable en base a uns criterios establecidos nas bases nos que, entre outros aspectos, valorarase que os produtos que presenten incidan na desestacionalización, que leven a cabo unha oferta accesible, destinada a familias ou público senior ou que profunden na innovación.

O obxectivo final destas axudas non é outro que o de continuar profundando na diversificación da oferta e que a actividade turística sexa dinamizadora das economías locais, contribúa a pór en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos e situar como un instrumento eficaz de reequilibrio territorial, especialmente no rural galego.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn