A Torre de Hércules e o Mosteiro de Caaveiro melloran cifras de visitantes en 2016

Torre de Hércules

A Torre de Hércules e o Mosteiro de Caaveiro melloran cifras de visitantes en 2016

Son só dous exemplos de polos turísticos na provincia da Coruña pero ambos marcaron boas cifras de visitantes en 2016. No caso da Torre de Hércules foron un total de 120.735 as persoas que o visitaron entre o 1 de xaneiro e o 28 de decembro de 2016, unha cifra que supón un 2,8% de incremento con respecto ao ano pasado e continúa a senda de crecemento marcada no últimos tres anos, segundo os datos do Concello da Coruña, que asegurou que estes datos teñen o seu reflexo no incremento da ocupación hostaleira e proxectan a Coruña como un ?destino turístico de calidade? no que seguirán traballando en 2017 para a súa consolidación.

No caso do Mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume, a falta de recoller os datos relativos ao me de decembro, xa bateu a marca de visitantes, con máis de 40.000 persoas, unha cifra que podería chegar ao redor das 44.000 cando se peche o ano, segundo os datos achegados pola Deputación da Coruña.

Ambos os monumentos teñen en común a época de maior fluxo de visitantes, de xullo a setembro. O mes de agosto sería o de maior éxito de visitantes para o Mosteiro de Caaveiro, que incrementou case 4.000 visitantes máis con respecto ao 2015, chegando ás 12.205 persoas. Séguelle o mes de xullo, con 7.432 visitas, e xa de lonxe, os meses de setembro, outubro, maio e xuño, que oscilaron entre as 3.910 e 3.340 persoas.
Con respecto á procedencia dos visitantes, máis do 40 % son de Galicia, seguidos dos madrileños (un 21,01 %) e andaluces (7,87 %). O ano pasado tamén se achegaron até o complexo monacal turistas estranxeiros procedentes de Portugal, Francia, Inglaterra, Alemaña, Arxentina ou Italia.
No caso da Torre de Hércules, o 73% é visitante nacional sendo Galicia a comunidade que máis turistas achega cun 25,4% seguido tamén de Madrid (14,5%), Andalucía (10,5%) e Cataluña (9,39%). En canto a turistas internacionais, os países que máis achegaron foron Francia (17,7%), Portugal (13,5%), Reino Unido (13,4%), Italia (12,8%) e Alemaña (12,2%).

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn