A oferta turística gallega estará presente no Festival Intercéltico de Lorient

ACTIVIDADES
Festival Intercéltico de Lorient

A oferta turística gallega estará presente no Festival Intercéltico de Lorient

No marco da celebración do Année da Galice (Ano de Galicia) na 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, que terá lugar do día 2 ao 11 de agosto desta localidade bretona, tamén estará presente a oferta turística galega a través dun espazo onde se porá a disposición dos máis de 750.000 asistentes información sobre a variada oferta turística e todos os servizos que a nosa comunidade autónoma pódelles ofrecer.

A acción enmárcase dentro da programación especial que a Consellería de Cultura e Turismo desenvolverá dentro deste encontro musical internacional dedicado á música e a cultura celta, xa que este ano Galicia é o territorio invitado. Con tal motivo unha delegación de máis de 300 artitas galegos desembarcarán no festival co apoio da Xunta, tanto no programa oficial como na carpa de Galicia, que ademais de música, acollerá talleres, unha exposición e accións de promoción turística.

Milladoiro, Carlos Núñez, Davide Salvado, Tiruleque ou Xacarandaina figuran no cartel deste “Ano de Galicia” e no que a acción encabezada polo Clúster de Turismo de Galicia enmárcase nas actuacións de internacionalización levabas en Glasgow a través do Celtic Connections, dando a coñecer Galicia ao público final e potenciando a complementariedade da oferta cultural e turística de Galicia como ferramenta de internacionalización. Para iso, proporcionarase información sobre a ampla oferta turística galega, desde aloxamentos, oferta complementaria (turismo activo, rutas do viño, etc?) ou produtos turísticos. Aos asistentes que pasen por este espazo faráselles entrega de folletos das empresas turísticas galegas, así como dos paquetes turísticos que poderán adquirir para visitar Galicia. Adicionalmente, para facelo máis atractivo aos asistentes, valórase a posibilidade de organizar un sorteo dunha estancia de 7 días para dúas persoas, de forma que poidan vivir a experiencia e converterse en “presumidores” da nosa comunidade. Todas as empresas que estean interesadas en achegar a súa oferta turística a este encontro, facilitando material en francés, poden porse en contacto con secretariatecnica@clusterturismogalicia.com para coordinar o envío e recepción do material.

Como complemento ao programa artístico, Galicia fará gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou que Lorient brinda a gran oportunidade de mostrar o estupendo momento cultural e a potencialidade turística da nosa Comunidade diante da Europa atlántica, tendo en conta que o Festival Intercéltico reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn