A marca Auga de Galicia contribuirá a dar valor á orixe galega e a composición das augas minerais e termais galegas

Agua de Galicia

A marca Auga de Galicia contribuirá a dar valor á orixe galega e a composición das augas minerais e termais galegas

“A auga é industria, riqueza, emprego e alimento”. Baixo esta máxima presentouse a marca Auga de Galicia nun acto que tivo lugar no balneario Termas de Cuntis e que contou coa participación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Fernando Conde, como entidade que apoia a posta en marcha desta marca. A iniciativa é do Clúster da auga Mineral e Termal de Galicia, que aglutina ás dúas asociacións empresariais galegas vinculadas á explotación do recurso: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin). No acto tamén participaron o director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces; Álvaro García de Quevedo, vicepresidente do Clúster; Marisol Espiño, presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia e directora de Termas de Cuntis; Benigno Amor, xerente do Clúster e José Manuel García, vicepresidente de Agamin.

Durante a presentación da marca proxectouse un vídeo promocional no que se destaca que en Galicia “a marca Auga de Galicia supón unha garantía e dá seguridade ao consumidor en relación á orixe galega das augas que consome, xa sexa en bebida ou en baño”. Ademais, deuse a coñecer a nova páxina web do Clúster da auga Mineral e Termal de Galicia, xunto ás melloras na súa aplicación para teléfonos móbiles; resultado dun convenio asinado en 2017 entre o Clúster e a Consellería de Economía. Pola súa banda, a aplicación renovada para smartphones “Auga de Galicia” está destinada á valoración e protección dos acuíferos das augas minerais de Galicia ao permitir geolocalizar os perímetros de protección dos diferentes acuíferos de augas minerais que existen en Galicia, de gran interese para planificadores do territorio e para as Administracións Públicas.

Con esta proposta búscase “sensibilizar ás Administracións Públicas, ao sector empresarial, aos planificadores urbanísticos e á sociedade en xeral sobre a importancia de protexer os acuíferos de augas minerais e a contorna natural na que se sitúan as plantas envasadoras e os establecementos balnearios”, declarou o vicepresidente do Clúster.
Desde o Clúster púxose de manifesto a importancia de contar cunha marca que aglutine e visibilice ás empresas de auga mineral e termal da comunidade asegurando que “contribuirá a diferenciar e darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais e termais, favorecendo ademais a súa promoción exterior”. Trátase dun sector que xera 1400 empregos en Galicia e cuxo posicionamento desde o punto de vista dos mercados sitúao como referente de calidade e prestixio, o que lle permitirá crecer en empregos e facturación así como en reconomiento a nivel internacional.
O Cluster, unha iniciativa única en Europa
Galicia conta co 15% dos mananciais que hai en España, o 10% das plantas de envasado de auga mineral natural e o 19% dos balnearios, o que a sitúa como unha das rexións europeas con maior riqueza mineral e termal. O Clúster da auga Mineral e Termal de Galicia constituíuse en 2011 impulsado por diversas asociacións e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. É unha experiencia única en Europa, xa que non existe ningunha que aglutine os balnearios e as empresas de augas envasadas. Está constituído polos 19 establecementos termais da Asociación de Balnearios de Galicia e polo seis empresas asociadas a Agamin conta con seis empresas asociadas.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn