A internacionalización e o turismo deportivo marcaron a actividade de Expourense en 2017

balance expourense 2017

A internacionalización e o turismo deportivo marcaron a actividade de Expourense en 2017

O recinto ourensán fai balance da súa actividade en 2017, tempo durante o que acolleu 11 feiras, dúas delas internacionais (Xantar e Termatalia), e 29 eventos que atraeron a 89.000 visitas e os 940 expositores de 46 países.

Durante o ano pasado a actividade do recinto feiral Expourense estivo marcada pola internacionalización e a cooperación público-privada, ademais de por a instalación da pista de atletismo cuberta e a celebración do I Salón do Deporte e Turismo Activo-Sportur Galicia, que se converteron nun sector estratéxico para a Fundación.
2017 foi un ano de transición no que o recinto buscou a compatibilidade entre a actividade feiral e a deportiva, un gran reto que en 2018 buscará alcanzar a compatibilidade total. A través de todas as súas actividades, Expourense, consolídase como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía ou a automoción, e aos que se engade agora o deporte. Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.
Novidades
Na súa busca de novos nichos de mercado para as empresas expositoras, Expourense estreou en 2017 dúas feiras: o xa mencionado Salón do Deporte e Turismo Activo – Sportur Galicia que naceu co obxectivo de dar a coñecer Galicia como destino activo e saudable e promocionar a multitude de opcións que esta comunidade ofrece para os afeccionados ao deporte e ás actividades ao aire libre; e Bebega, Mostra do Bebé de Galicia que xurdiu como un escaparate do comercio local especializado.
Expourense tamén organizou en 2017 citas orientadas ao público xeral de carácter comercial que convocaron os diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións empresariais como é o caso dos centros comerciais abertos ou da.C.A.Ou.T.O. (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense). Con esta última, Expourense coorganizó a 9ª edición do Salón do Automóbil (Novo e de Ocasión) que é unha das citas que xera maior volume de negocio con máis de 400 vehículos vendidos.
No 2017 cumpriu a súa maioría de idade Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comunións e Actos Sociais que volveu contar cunha pasarela de moda na que as empresas ourensáns mostraron a calidade e a innovación coa que traballan. O resto de citas do ano foron a 24ª Mostra da Oportunidade e Megaxove, 18º Salón da Mocidade.

Promoción internacional de Galicia
No referente á actividade feiral de Expourense é preciso apuntar a promoción que dos distintos salóns, e dos sectores vinculados a eles, realizouse durante todo o ano nunha vintena de exposicións que tiveron lugar noutros puntos de Galicia, España, Europa e América Latina. Citas como Xantar, Termatalia ou VINIS TERRAE estiveron presentes nas principais feiras internacionais vencelladas ao turismo (FITUR Madrid, BTL Lisboa, ITB Berlín, etc.) e nos foros profesionais máis importantes dos correspondentes sectores, proxectando por tanto a marca Galicia.
Doutra banda, no 2017 asináronse dous importantes convenios para a celebración de dous eventos relevantes que terán lugar no 2018 e que contribuirán de novo a situar a Ourense nacional e internacionalmente. O primeiro deles foi o asinado en Foz do Iguaçu para converter a esta cidade na sede de Termatalia Brasil 2018, o proxecto máis internacional de Expourense. O outro gran evento previsto para este ano será a Semana Internacional do Baile Deportivo de Ourense, unha cita que reunirá a 3.000 participantes entre o 22 e o 24 de xuño, que terá lugar no Pazo dos Deportes “Paco Paz” e en Expourense.
Ademais de importantes accións de formación, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de maneira individual, participaron máis de 300 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 10.500 asistentes. Neste sentido, cabe destacar a estreita cooperación que Expourense mantén coa Universidade de Vigo e que se materializaron o ano pasado na celebración no recinto do II Simposio Internacional sobre Auga e Calidade de vida, xunto co Concello de Ourense e a Deputación Provincial. Este tipo de cooperación tamén se mantén coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ao facilitar desde a Fundación a participación de alumnos dos distintos ciclos formativos de toda Galicia nas feiras que promove para que teñan un contacto directo cos sectores.
Finalmente as instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha trintena de eventos de distintas entidades públicas e persoais. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. Con todo isto, o obxectivo da Fundación Expourense é continuar a ser un eixo vertebrador no que empresas, colectivos e sociedade en xeral atopan o seu punto de encontro.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn