A Deputación de Pontevedra organizará en Barcelona un workshop encamiñado a abrir novas vías de negocio para o sector turístico da provincia

workshop Barcelona

A Deputación de Pontevedra organizará en Barcelona un workshop encamiñado a abrir novas vías de negocio para o sector turístico da provincia

O evento, que terá lugar o 27 de novembro e forma parte das liñas do Plan estratéxico de turismo, conta xa coa participación de 25 empresas da provincia

A Deputación de Pontevedra celebrará un workshop entre empresas do sector turístico da provincia de Pontevedra e firmas catalás o próximo día 27 en Barcelona. Esta iniciativa forma parte das liñas do Plan estratéxico de turismo 2017-2020 que busca cumprir co obxectivo dunha “xestión intelixente do destino, compartida entre os axentes con competencias turísticas no terreo”, tal e como explicou a presidenta durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

Trátase da primeira edición dun evento que reunirá no Hotel Gran Mariña de Barcelona a 25 empresas do sector turístico de Pontevedra cunha delegación empresarial de Cataluña. Durante a xornada, que dará comezo ás 19 horas, terán lugar reunións dinámicas coa vista posta en abrir novas vías de negocio e xerar novas oportunidades para o sector turístico da provincia. “De feito xa temos pechadas 85 citas con empresas catalás para establecer esas vías de colaboración coa nosa delegación”, anunciou Silva.

Entre as empresas da provincia que participan podemos atopar hoteis, adegas, casas de turismo rural, axencias de viaxe, empresas de produtos turísticos e servizos auxiliares e emprendedores. A cota de inscricións para participar neste acto, no que tamén colabora o Clúster de Turismo de Galicia, tivo que pecharse ao tres días da súa apertura pola alta demanda por parte do sector turístico pontevedrés.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn