A Cidade da Cultura preséntase en Fitur como un recurso turístico estratéxico para Compostela

cidade da cultura presentacion fitur 2018

A Cidade da Cultura preséntase en Fitur como un recurso turístico estratéxico para Compostela

Á cita con Fitur tampouco faltou a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que se presentou como un recurso turístico estratéxico para Galicia en 2018. A súa directora, Ana Isabel Vázquez Reboredo, destacou o “enorme potencial para a captación de visitantes, promovendo o turismo cultural desde unha óptica contemporánea” co que conta o Gaiás, así como o seu alto valor arquitectónico e a intensidade de actividades que anualmente acolle este espazo onde xa traballan a diario 500 persoas e cada ano organízanse unha media de 200 actividades culturais só no que respecta á súa programación propia.

Ademais, destacou Vázquez Reboredo, o Gaiás é unha infraestrutura que “contribuirá á desestacionalización do turismo, ao constituír un importante atractivo para o turismo profesional”, podendo acoller eventos de gran formato ao longo de todo o ano. Actualmente, as instalacións albergan xa unha media de 300 eventos anuais de empresas, institucións e outros colectivos, un aspecto que contribúe altamente á desestacionalización do turismo dean Santiago e ao reequilbrio de fluxos turísticos que habitualmente se moven na contorna do centro histórico.

Traballo conxunto
Co obxectivo de articular novas vías de promoción e comercialización, a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia animou a realizar unha “acción concertada das diferentes administracións”. Vázquez Reboredo quixo finalizar expresando a vontade da institución que representa de pór “todos os nosos recursos ao servizo dos actores públicos e privados implicados no desenvolvemento turístico Galicia, xa que estamos convencidos de que a Cidade da Cultura chegou para sumar”.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn