Galicia traballa no horizonte do próximo Xacobeo para converterse en destino sustentable, diversificado, accesible e de calidade

feijoo y rey fitur 2018

Galicia traballa no horizonte do próximo Xacobeo para converterse en destino sustentable, diversificado, accesible e de calidade

A Xunta avanza o seu obxectivo de converter o 2021 no mellor ano santo da historia cunha oferta única en paisaxes, patrimonio e lecer.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo avanzou no Salón Internacional de Turismo Fitur as claves nas que traballará sector e administración no horizonte de 2021, seguindo as pautas establecidas no Plan Estratéxico de Turismo de Galicia, no que se aposta por un turismo respectuoso e de calidade, que permita preservar o patrimonio e ofrecer a mellor atención ao visitante escorrentando o fantasma da turismofobia; un turismo que non estea concentrado só en certas zonas e en certos momentos do ano; e por un turismo moderno e de experiencias, que axude ao visitante a descubrir o mellor da xeografía galega, impulsando produtos turísticos como Galicia Surfing, a Ruta dos Faros, Galicia ao Volante ou os minicruceros e o turismo náutico.

Ademais de lembrar as múltiples fortalezas coa conta o destino (gastronomía, festas de interese turístico, patrimonio cultural e natureza), Feijóo resaltou os traballos que se están levando a cabo para ampliar esta lista de bens recoñecidos pola Unesco, con dúas candidaturas de primeiro nivel: a Ribeira Sacra, unha zona que conxuga unha natureza de vertixe coa maior concentración de igrexas e mosteiros románicos de Europa; e Cíes-Illas Atlánticas. “E os apaixonados da cultura e a Historia teñen en 2018 unha oportunidade de ouro para visitar Galicia: o Ano Europeo do Patrimonio Cultural; e o 25 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que esta aposta por un turismo tranquilo e de calidade ten como obxectivo converter Galicia nun fogar aberto para todo aquel que queira coñecela, que faga sentir os turistas como en casa nos 273 establecementos que contan coa Q de Calidade Turística, unha distinción na que Galicia é líder a nivel nacional.

Premio á caseta de Galicia
E é que Galicia concluíu o seu paso por Fitur coa satisfacción de anunciar non só datos positivos se non tamén coa recollida de varios premios. Así, a Xunta recibiu dúas dos premios concedidos na 38ª edición desta feira de turismo internacional que se celebra en Madrid: o de Mellor Caseta na categoría de institucións e comunidades autónomas e ao de Mellor Produto de Turismo Activo polas súas Experiencias nos parques naturais, unha nova oferta impulsada recentemente pola Consellería de Medio Ambiente e Turismo de Galicia.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, foi a encargada de recoller ambas as distincións en nome do Goberno autonómico. “Estes premios son un aliciente que nos anima a seguir traballando e que nos confirma que o noso modelo turístico é valorado e apreciado”, afirmou. “Galicia ofrece un turismo de calidade e comprometido coa contorna na que se desenvolve. Un turismo que aproveita e revaloriza o seus mellores recursos”, sinalou Nava Castro.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn