Galicia estrea dous museos moi ” bebibles”: o Museo do Viño de Galicia e o primeiro Museo da Cervexa de España

museovino

Galicia estrea dous museos moi ” bebibles”: o Museo do Viño de Galicia e o primeiro Museo da Cervexa de España

Continuando coa aposta decida polo impulso do enoturismo, Galicia dá un paso adiante coa apertura de dúas novas infraestruturas museísticas vinculadas co viño e a cervexa coa inauguración en Ribadavia do Museo  do Viño e na Coruña do primeiro Museo da Cervexa de España.

 

O Museo do Viño de Galicia abriu recentemente as súas portas en pleno corazón do Ribeiro, situado na casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, cedida pola Diocese de Ourense á Xunta de Galicia, un inmoble do século  XVIII cun miradoiro sobre o Avia e o Miño. O edificio foi rehabilitado para converterse no escaparate da viticultura galega e centro de referencia para investigadores e estudosos do mundo do viño, ademais de ser un foco de atracción de visitantes cada vez máis interesados no enoturismo.

O propio edificio no que se empraza este museo é singular pola súa arquitectura, xa que foi construído como casa de priorado de San Martiño Pinario para a explotación vitícola, polo que as súas salas están deseñadas especificamente para dar cobertura á elaboración, almacenamento e distribución do viño cara a Compostela. A Xunta investiu 1,8 millóns de euros na reforma e posta en marcha definitiva. 1,1 millóns na rehabilitación da reitoral e 700.000 euros no proxecto expositivo. O Museo  do Viño dependerá da Consellería de Cultura e Turismo e estará dirixido polo Museo  Etnolóxico de Ribadavia co obxectivo de converterse nun referente en Galicia e o Estado.

 

MEGA, Mundo Estrela Galicia. O primeiro museo da cervexa de España

A Coruña xa pode medirse con outras cidades europeas como Dublín,  Amsterdam ou Múnic, famosas pola súa cultura da cervexa e con respectivos museos especializados.

O primeiro museo da cervexa de España emprázase na propia fábrica de Estrela Galicia e por iso permite ver in situ as fases do proceso de elaboración e envasado artesanal. Pero a compañía Hijos de Rivera non será a única protagonista, pois o proxecto pretende achegar aos visitantes ao mundo cervexeiro en xeral: cheirar e probar os seus ingredientes, observar o proceso de fabricación, descubrir as distintas variedades e por suposto saborealas. En canto á vertente histórica, o museo ofrece un percorrido desde 10.000 anos atrás, cando se  fermentou por primeira vez a cervexa en Mesopotamia, ata os nosos días.

O espazo expositivo, de 2.500 metros cadrados, pretende consolidarse dentro da oferta museística de Galicia como un imprescindible e aposta por un carácter  experiencial e divulgativo sen descoidar as vertentes industrial e artística, pois conta con murais do artista e ex xogador de fútbol Anxo Atienza.

O museo ofrecer unha experiencia personalizada con diferentes tipos de visitas, incluíndo talleres e experiencias sensoriais.

 

 

 

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn