Feijóo compromete de forma definitiva a declaración BIC da Ribeira Sacra como paso previo para convertela en Patrimonio da Humanidade

ribeira sacra 2

Feijóo compromete de forma definitiva a declaración BIC da Ribeira Sacra como paso previo para convertela en Patrimonio da Humanidade

Durante unha visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, Feijóo explicou que a Ribeira Sacra contará coas máximas garantías de protección desde este verán, cando dean comezo os trámites do proceso para a declaración BIC da zona, paso previo para convertela en Patrimonio da Humanidade. Neste sentido fixo fincapé na súa confianza na cooperación entre todas as administracións implicadas para levar a bo porto este fin. E é que a Ribeira Sacra abarca máis de 36.000 hectáreas en 21 concellos de dúas provincias, Lugo e Ourense.

Cabe lembrar, ademais, que a Xunta remitiu xa á Unesco a documentación necesaria para que a Ribeira Sacra inicie a súa andaina cara a formar parte do Patrimonio da Humanidade, unha declaración suporá unha importante revitalización económica e social para a zona.

No tocante ao mosteiro de San Pedro de Rocas, o mosteiro máis antigo de Galicia, Feijóo asegurou que, tras a intervención realizada o pasado ano no conxunto mural, a Xunta iniciará o traballo para protexer a sala que alberga as valiosas pinturas murais e tamén racionalizará as visitas ao monumento, afirmacións que fixo nunha visita na que estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn