España fronte ao Brexit

foto Reyes Marto 1

España fronte ao Brexit

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, visitou a World Travel Market e a caseta de Turespaña, onde tivo a oportunidade de conversar brevemente co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, así como coa responsable de internacionalización de Turismo de Galicia, Carmen Pita. Maroto aproveitou a súa presenza para destacar que confía en que o mercado británico seguirá sendo o principal mercado emisor para España, como o vén sendo até agora. Non en balde 18 dos 81 millóns de turistas que elixiron España o ano pasado foron británicos, que manteñen unha taxa moi alta de fidelización, xa que un 84% repiten a súa visita ao noso país.

Con todo, tamén destacou a máxima responsable do turismo no noso país, que evidentemente existe incerteza ante o Brexit, aínda que avanzou que o sector turístico español cre que está a preparar para o brexit e augurou un futuro que permita “manter as fortes relacións bilaterais co Reino Unido”. “Temos que alertar e axudar ás empresas neste asunto”, asegurou a ministra, quen informou de que ten previsto viaxar proximamente á capital belga para “analizar a situación”.

Sol e praia segue sendo o que buscan os turistas británicos no noso país, aínda que a ministra destacou a importancia de diversificar a oferta. “Queremos manter o “sol e praia”, e nos Orzamentos para 2019 propomos novos investimentos, pero tamén queremos fomentar a diversificación de produto con outros recursos que ten España”, explicou. Neste sentido, destacou o “turismo de cidade, gastronómico ou rural”, así como “potenciar a oferta do todo incluído que, afirmou, “continúa sendo o produtor estrela entre os británicos”.

“Queremos incrementar o valor do paquete con novas actividades como sendeirismo, golf ou actividades náuticas que poidan sumar valor a un produto que xa é moi bo”, puntualizou. Para Maroto é primordial traballar en “reforzar a calidade da marca España” por riba do prezo da oferta para diferenciarse dos seus principais competidores, como Tunes, Exipto e Turquía.

Traballar a futuro

Como plans principais, recalcou o cambio nos plans de mercadotecnia de Turespaña, así como a Estratexia de Turismo Sustentable 2025, que permitan “manter a competitividade” no sector.
Ademais, proclamou como un dos principais obxectivos atraer a mercados afastados como China porque dos 146 millóns de turistas que emite ao ano, só 600.000 visitan España.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn