Emocións Enoturismo Galicia, traballando para mellorar a comercialización dos recursos vitivinícolas galegos

ACTIVIDADES
MT3

Emocións Enoturismo Galicia, traballando para mellorar a comercialización dos recursos vitivinícolas galegos

O proxecto impulsado por Proturga e Gallaecia, en colaboración co Clúster Turismo, desenvólvese en mesas de traballo con entidades e empresas do sector

Un total de 132 persoas participaron xa nas diferentes mesas de traballo propostas no marco do proxecto “Comercialización do Turismo Enológico de Galicia” posto en marcha pola Asociación de Profesionais de Turismo de Galicia (PROTURGA) e a Asociación de Catadoras de Galicia (GALLAECIA) dentro do concurso de ideas proposto polo Clúster Turismo de Galicia. O proxecto ten como obxectivo fundamental a creación de paquetes enoturísticos atractivos e de calidade que poña en valor os recursos vitivinícolas galegos á vez que esta mellora contribúa tamén á dinamización do sector turístico galego, incrementando os ingresos, xerando emprego e desestacionalizando a demanda.

Entidades como adegas, hoteis, restaurantes, guías oficiais, artesáns, museos, oficinas de turismo así como entidades públicas e privadas que forman parte das Rutas dos Viños de Galicia participaron nalgunha do dez mesas de traballo organizadas até a data baixo o nome EMOCIONES ENOTURISMO GALICIA.

Nestas mesas, desenvolvidas nos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe (C.R.D.O.) Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei, así como no Centro de Desenvolvemento Comarcal do Ribeiro e na Aldea Rural Pazos de Arenteiro, presentouse a oferta e demanda a nivel autonómico e nacional; solicitouse información dos servizos das empresas e leváronse a cabo tarefas de sensibilización sobre as posibilidades do subsector do enoturismo como fonte xeradora de ingresos. A continuación, valorouse a oferta existente para a configuración dos paquetes de forma consensuada.

Nos próximos días, levarán a cabo reunións con axencias de viaxes para dar a coñecer os paquetes e presentaranse as conclusións aos adheridos a este proxecto, en próximas mesas de traballo, co obxectivo de levar a cabo a estratexia de comercialización de forma conxunta. Finalmente, realizarase unha presentación pública do proxecto, na que se exporán os paquetes levados a cabo, as características de cada un e a estratexia de venda.

Os interesados en seguir a evolución do proxecto poden consultar a web do Clúster, a de PROTURGA (www.proturga.org) e GALLAECIA (www.sumilleres.com) así como en redes sociais creadas exclusivamente para a difusión desta iniciativa (Facebook: Emociones Turismo Galicia e Twitter: @enotur_galicia)

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn